MANDA MORAL

Cortiza 1

Outrosí, fágovos a manda moral de conservar e transmitir o patrimonio cultural que recibistes de min e dos antergos. Xa que logo, manifesto a vontade de vos facer a encarga de defender e transmitir a lingua que de min mamastes e escoitastes con agarimo, chamándolles ás cousas polos que o pobo quixo que fosen os seus nomes, e revitalizando o uso das palabras que crearon os devanceiros para chamarlles ás persoas, ás terras e ós lugares; de coidar e reproducir as froiteiras, que foron enxertadas polos avós, e as plantas do xardín que tamén eu herdei de miña nai e tanto quixen; de celebrar as festas familiares e patronais, acudindo a aqueles fogares da parentela que vos conviden; e de ser solidarios e tolerantes coa veciñanza, e hospitalarios cos forasteiros, recordando que tamén tedes parte do voso sangue soterrado en terra allea.

Advertisements

5 opinións sobre “MANDA MORAL

  1. Pois, eu creo que este manifesto habería que traducilo a moitas linguas e poñelo a disposición dos blogueiros, sintetizado nunha fermosa grafía. Así os blogueiros do mundo poderían levar como bandeiras, non só o código-cociña, made in Galicia, senón tamén este lindo e profundo mandamento de amor, humanidade e boa cidadanía.

    Gústame

    • É un mandado de amor, si. Nunca o mirara desde este punto de vista pero doulle o pracet á calificación. Unha aperta grande para a querida alumna coa que a vida me levou despois a compartir o amor á Flor de Santiago, aínda que eu non lle podo dedicar tanto tempo nin tanto cariño.

      Gústame

Os comentarios están pechados.