OS MEDOS

Paporrubio, en Abuín papoia, asustado

Non hai nada máis frustante para unha buscadora de cogomelos que volver co cestiño baldeiro e a navalla por estrear. Sáese ao campo co entusiasmo de bater co miragre que produce o reino micetal e outravolta  compróbase que el non atende os nosos desexos. Nin sequera observa os costumes que lle dita a climatoloxía.

 Pero se á volta dás co medo concentrado no ollo dun paporrubio que unha persoa hábil ven de liberar da boca dun gato e podes observarte de cerca no minúsculo espello esférico que simboliza o abismo, a frustración queda esquecida e empezas a ver claros, quizabes por vez primeira, os efectos desta paralizante sensación negativa, desta emoción primaria en contra do risco e desa ameaza que  temos en común co resto dos animais.

 Daquela, o punto negro e insondable, a fiestra que o paxariño che abre cara a sima común delata os teus propios medos, os que coñeces sabéndolles as causas e os que levas aínda soterrados no máis profundo pozo inconsciente que poden saltar ante calquera estímulo.

”¿Queres unha papoia?”, bérrame o veciño, amosándome unha man estendida. Estou a uns cantos metros e non vexo que me ofrece. Voume achegando e albisco no seu conco un paporrubio, que nas terras rianxeiras chaman papoia. A carón del, fálame da historia dun gato chegado a señorito que mata por matar fóra da casa e despois entra nela para comer croquetas de bote. O instinto sanguiñento, xa sen finalidade, levouno este outono exclusivamente á caza de paxaros. “Antes aínda liquidaba algún rato da horta e traíaonolo para que os viramos, pero hogano deulle polas papoias. Non deixa unha. Esta quiteilla xusto antes de lle botar o dente. Tivo sorte. Pero agora non quere marchar da miña man”. E alí está o cantor totalmente paralizado. Os dediños enguruñados, as alas caídas, o peteiro inmóbil. O ollo conxelado amostra ao mundo a gran dificultade de vivir. A man humana non lle parecería un bo lugar para buscar repouso, mais agora non pode fuxir dela. Colocámolo riba dunha parede, termamos del e ao pouco tempo puido alzar un voo curto ata a árbore máis próxima.

E subo para a casa meditando unhas palabras de Frank Herbert: “Afrontarei o meu medo. Permitirei que pase por riba de min e ao meu través. E cando pase, xirarei o meu ollo interior para esculcar o camiño que seguiu. Por onde teña pasado, xa non quedará nada. Só estaréis eu”.

Advertisements