UN BODEGÓN INDÍXENA DE SETEMBRO

 

Díxome Ruth Varela, cando o viu, que é o primeiro bodegón da Historia que incorpora a Flor de Santiago e que, en todas as láminas que leva visto, non hai nada tan auténtico ou tan indíxena como esta imaxe.

A Flor de Santiago, (Formosísima para Linneo e máis tarde Narcissum Indicum Jacobeum para Clusius) é orixinaria de México. O nome orixinal, en linga náhualtl, é Atzcalxóchitl e era frecuente nos centros cerimoniais. Estaba tamén nos xardíns de Moctezuma II. A finais do século XVI a viaxa a España, en arca de madeira, na Primeira expedición naturalista financiada pola Coroa Española. Pola súa semellanza coa  Cruz dos Cabaleiros de Santiago, aquí chamáronlle Flor de Santiago. A recuperación da flor e do seu símbolo débese ao traballo da arquitecta compostelana Ruth Varela, que foi alumna miña no seu tempo e a quen lle ensinei o bodegón.

Porque cando publicou o seu traballo, eu descubrín que a tiña na miña horta, moi mimada pola súa fermosura. Agora, cando florece, envíolle fotos de cadansúa flor, unha soa por bulbo, lunática ou caprichosa. Esta debía ter aparecido na primavera pero o día que preparei esa foto estaba florida.

Dime Ruth para xustificar as anteriores palabras: “O conxunto lémbrame moito ás ofrendas que, aínda hoxe, fan os indíxenas, con tarros e bandeixas de froitas e flores que quedan agochados nos buratos das rochas. ¿Sabías que a palabra “cocón” é de orixe azteca e naceu referida aos españois (coidado que ven o cocón). Por alí tamén usan o noso “disque” e os indíxenas bailan as danzas de Betanzos. E así hai mil cousas galegas por alá dende que o frade coruñés lle deixou dito a Dona Juana “a nada tola” ese nome de Nueva Galicia para as terras bendecidas en nome de Santiago, no oeste de México”. 

Quero compartir con Vdes. o bodegón indíxena e a flor que representa a cidade que máis quero.

Advertisements