O MEU MAR LITERARIO

O ATLÁNTICO GALEGO, FONTE DE INSPIRACIÓN LITERARIA

O ATLÁNTICO GALEGO, FONTE DE INSPIRACIÓN LITERARIA

Mais non quedou o mar como un espazo reservado ás emocións senón que se converteu tamén nun escenario valioso para acoller a obra literaria, tanto lírica como narrativa. Este mar é o das rías atlánticas.  Porque, cando recorro á inmensidade da auga, á teimosía das ondas e a ruxida das areas para servir de fondo ás creacións coas que pretendeo transmitirlle infancia, aínda que non só, a emoción lírica ou o desenvolvemento dunha historia, volvo a aquelas praias nas que compartín cos fillos a aventura de medrarmos.

Foi neses espazos litorais, os máis libres e permisores do abraio estético ou das pequenas aventuras persoais, onde percibín sensacións que proviñan do seu gozo ou do seu medo e tiven a sorte de poder levalas ao campo da literatura para llelas devolver aos  inspiradores e primeiros destinatarios da miña obra infantil. E cando medraron, seguín observando a outras criaturas que se aproximan ao mar e nelas fun atopando recursos líricos, xeitos de narrar e mesmo diálogos de imposible invención para quen deixou a infancia.    

O meu terceiro mar, xa que logo, é un elemento importante na miña obra dedicada aos máis novos. É un mar habitado que adoita servir de recreo á familia, e facilita a interacción dos seus membros e a aparición de conflitos e solucións. Que permite escapadas solitarias cando axexa o desacougo. Que invita co seu silencio ou monotonía a facer xa reflexións propias da moral autónoma. Que permite aflorar os medos atávicos e vencelos. Que serve de espazo máxico acugulado de raíces míticas. Que ensina a natureza máis suxestiva e misteriosa agochadora dos poboadores esquivos. E que permite a un tempo a socialización, o refuxio, o ensimismamento e a aventura. 

Baixo dunha pena da ría de Arousa, entre Aguiño e a illa de Sálvora, ten a escola D. Polbo da Touza Longal, á que acoden todas as mañás os peixiños da rodeada para leren nas oucas. Na praia de Mosqueiros de Castiñeiras quedaron as pegadas de Patapau, a gaivota manca dos ovos máxicos viva metáfora do comportamento deste país coa lingua propia. Aquí chegaron tamén os obreiros unha tarde e colocaron aló no fondo un semáforo para organizar o tráfico dos peixes. E o león Rumrum devece por ir a Ribeira para coñecer o mar de verdade, o que ten a auga verde-azul e peixes na barriga, o que vira súa avoa, a leoa que saíra da selva para ser artista de circo.

Illa Redonda, creada polo xigante Guilfrei, é meta dunha viaxe fantástica para Dores e a avoa Elvira, gañada na escolar por unha carreira de caracois, que está no arquipélago das Cíes e garda alí todos os misterios baixo unha area que parece azúcar.

O rei Dagoberto visitou a Cosme na praia da Ladeira de Baiona espantándolle os cangarexos e deixándolle como recompensa o seu anel de zafiro que servirá de comprobante de que non mente cando conta a súa real presenza.

Coa praia de Patos como fondo, transcorre a historia de Guillermo desde que escapa dun conto da biblioteca ata que atopa unha avoa que lle proporciona roupa actual e o acolle na súa habitación e na súa vida.

A mulatiña Anahí baixa á praia de Sartaxes de Rianxo no día máis triste da súa vida e acaba coñecendo a un neno solitario que lle permite levarlle á avoa defunda o sabor dun aguacate. Onda esta praia tamén vive Pelos, o can da mociña que fará de cicerone á propietaria dun can de luxo, Tresky e grazas a ela a dona atopará un vedraño que, cando sexa reconstruído, vailles cambiar a vida a todos.

E Raúl pasará os peores momentos da incapacidade para dicir non cando veraneaba coa familia na praia da Cunchas e non era capaz de se negar a poñer os bañadores horribles que lle regalaba a súa madriña.

Porque o mar, xunto cos meus Ancares aínda que oposto a eles, é o espazo que mellor sustenta a fantasía da miña literatura. 

Advertisements