PERCORRER O DONSAL

O Donsal é un río dos Ancares, canceladés, afluínte do Navia, rescatado –empezando por lle atopar o nome-, e vitalizado cun sendeiro que permite acompañalo desde o nacemento á morte. No seu percurso aínda se conservaban ruínas de muíños, pequenas centrais eléctricas de dínamo e un batán, a primeira máquina que fora abandonada.

A existencia destes elementos facilitadores da vida daqueles habitantes indica que é un río con fervenzas e desniveis que proporcionaban forza hidráulica para mover os rudimentarios artiluxios. Por riba das súas augas, e para facilitar o seu traspaso, téndese a madeira de pontigos roídos polas queixadas do tempo. Parte desta riqueza etnográfica xa está restaurada. O resto agarda por algún tipo de protección oficial, que esperemos que non tarde.

 Mais onda o Donsal a riqueza aumenta coa abundanza de construcións enxebres: ouriceiras –cercados redondos paredados con pedra para apodrecer os ourizos e curtir as castañas cando os castiñeiros eran varexados-, e aldeas con restos de pallozas e edificios á maneira da zona, algúns xa convertidos en casa de turismo. Verbo da natureza, o espazo tamén é  valioso pola flora e fauna autóctonas que conserva.

 O sonoroso Donsal pasa por rochas carpichosas, soutos centenarios, prados esmeraldinos e, en certos lugares, camiña por onda os restos dunha calzada romana. As súas augas acariñan a pel dalgunha lontra e o verdor das súas rabazas contrasta cos marróns do outono e a  espidez invernal que non tapan as herbas.

 Nos Ancares, este atractivo sustentador dun lecer de cultura ecolóxica estivo abandonado e escondido, pois á veciñanza non lle é doado atopar valor nos elementos que recordan as épocas máis duras do seu pasado. Son os que se van, e volven tras ver mundo, quen descobren a calidade de vida que as sociedades máis desenvoltas botan de menos.

 

Sobre o Donsal

Sobre o Donsal (c.1964) cunha certa estética "Arros amargo".

No caso do Donsal, foi unha asociación ecolóxica promovida por un nativo, Antonio Álvarez González,  quen se mobilizou para que se faga notar e sexa motor de transformación económica dun mundo rural que ten como oferta o que a sociedade máis moderna demanda: historia conservada en pedra e utensilios, e forza telúrica na paisaxe. A percorrer a ruta do Donsal xa chegan grupos de lonxe atraídos pola súa dificultade media, a fermosura natural e a contorna humana altamente acolledora.