RICOS E POBRES

É difícil marcar a liña que deslinda ricos de pobres, en parte porque hai pobres que se comportan como ricos, apoiando os principios neoliberais, e hai ricos que non se ven satisfeitos co que teñen, como se fosen pobres. Seica ao conde de Romanones lle dixo alguén que viña o comunismo e el respondeu: “Déixeo que veña. Entre o que teño e o que me vai tocar…”. Tamén a sabedoría popular fai referencia ao desmesurado apego á riqueza cos refráns “Na casa chea/ cabe a ola allea” e “Corre o ouro pró tesouro”.

Os ricos más ricos están de moda, non só porque anden á última, senón porque van ter que pagar un imposto transitorio dous anos –¿apretalos máis cae en abuso?- para paliar “la que está cayendo”, como lle chaman á situación algúns tertulianos. Na crise na que estamos, que fai lles bailar ás bolsas caprichosas danzas diarias nos parquets, os ricos corren grandes riscos. Como dixo unha glamourosa dona, son os que teñen que perder, porque os pobres, e máis se son de solemnidade, xa non teñen nada. É triste oír isto con xente que o pasa mal e unha desfeita que ven en fervenzas con consecuencias impredecibles.

E este é o noso rolo de mundo desenvolvido, ónfalo da terra e reitor dela. Porque hai que mirar outro no que os nosos pobres serían afortunados. Estamos a sufrir unha crise capitalista inmoral porque foi provocada por desaprensivos que marcharon cos petos cheos á nosa conta. Pero é esta sociedade capitalista a que está a aprofundar cada vez máis nas desigualdades dun planeta no que morren de fame 950 millóns de persoas e viven baixo o umbral da pobreza 4700 millóns. O desemprego e a precariedade comprende ao 80% dos habitantes. O 45% malvive sen auga e o 50% non ten servizos educativos nin sanitarios. Nós somos colaboradores para que se derretan os polos, cambie o clima con graves consecuencias para o mundo pobre de verdade e se extingan especies. Hai analistas do fenómeno que cren que a nosa crise se produciu cando a explotación do planeta xa non é rendible para mil empresas multinacionais e para dous millóns e medio de grandes millonarios. Cada vez máis cartos están en menos mans.

Hai oito días as mulleres gregas esgarafetábanse nas rebaixas para mercar o vestido do seus soños. Parecía o inicio dunha traxedia clásica. E é que non sei se os deuses decidiron volver ao Olimpo para cargaren eles cos nos nosos destinos.