OFRENDA A ROSALÍA DE CASTRO O DOMINGO DAS MOZAS

Coa venia de Dona Rosalía Castro de Murguía, quixera empezar, Sr. Alcalde e membros da Corporación Municipal, miñas donas e meus señores, facendo un agradecemento ao Concello de Lugo por me dar a oportunidade de estar hoxe aquí, facendo esta ofrenda de admiración e agradecemento á gran poeta que tivo vínculos estreitos coa cidade de Lugo, neste día grande das Festas do San Froilán e na efeméride dunha data muy importante da súa vida. Hoxe cúmprense 152 anos do casamento de Rosalía de Castro con Manuel Murguía, conxunción da que habían nacer grandes froitos culturais para Galicia.

Andamos a celebrar o 125 aniversario do pasamento da poeta, pero non debemos facer a ofrenda a unha Rosalía morta, senón á Rosalía viva que nos arrastra prolongada nas súas obras. Precisamos o seu maxisterio. Necesitamos frecuentala para que nos alente nos desacougos vitais propios e nas angueiras colectivas da nosa sociedade, porque as causas que ela defendeu precisan aínda do noso compromiso. Este monumento que lle foi dedicado nun dos parques máis bonitos de Galicia, que leva o seu nome, pode e debe ser un dos lugares simbólicos onde atopala e moito mellor se a buscamos despois de tela lido; que nos libros é onde mellor se escontran os poetas.

Sendo Rosalía unha gran escritora universal, somos nós, galegas e galegos, quen máis necesitamos lela para que non nola interpreten, para que non nola pinten morriñenta, triste, solitaria, chorosa e mesmo santiña. Somos nós, galegas e galegos, quen debemos atopar a súa grandeza, a súa forza, a solidariedade e a mensaxe intemporal dos seus escritos.

En primeiro lugar, Rosalía é unha mestra da lingua, unha lingua que nos une e nos identifica como pobo. Sen aquel Cantares gallegos de 1863 o idioma propio de Galicia sería hoxe unha lingua ágrafa e residual ou, se cadra, inexistente. Grazas a ela, o galego alcanzou cotas de creación que admiraron grandes poetas doutras literaturas: Juan Ramón Jiménez, un namorado de Follas novas, do que tomou moitas notas e traduciu ao castelán o poema que coñecemos por Negra sombra, ou Federico García Lorca, que aprendeu a escribir galego na súa lectura e nos deixou unha xoia literaria nos Seis poemas galegos (1935)

Pero tamén é mestra na riqueza de contidos da súa obra. Rosalía non escribe “das pombas e as frores”, como di no primeiro poema de Follas novas. Os libros rosalianos teñen a capacidade de nos mostrar a Galicia do seu tempo, a través do coñecemento que ela tiña do noso medio físico e cultural que se concreta nun riquísimo vocabulario, en referencias xeográficas, e na descrición dos nosos costumes e do noso folclore. E da Galicia que pode ser coa defensa dos valores humanos que conteñen os seus poemas máis solidarios, sobre todo coas mulleres, que seguen a ser aínda as marxinadas da historia, da sociedade e da propia familia, como demostra a inexplicable persistencia da violencia de xénero, e cos pobres de todos os tempos e de todos os lugares que sofren toda clase de inxustizas de man dos poderosos, dos raposos da sangue maldito e dos fariseos e grandes da terra. Rosalía é tamén precursora dun dos movementos chamados a ser decisivos no cambio da sociedade deste novo século: o ecoloxismo e o respecto polo medio ambiente.

A palabra de Rosalía orienta a evolución cara a igualdade e a fraternidade. A súa pluma comprometida lévanos a non poucas reflexións arredor do fenómeno da emigración, daquela moi noso, que volve ameazarnos e que alcanza hoxe ás grandes migracións do planeta, pois cada vez e máis grande o número “dos que noutras terras/ tén que buscar pan”, padecendo nos países de acollida, se fosen acollidos e non deportados, grandes desarraigos e insuperables dramas familiares.

Rosalía foi unha poeta moi moderna é hoxe é unha poeta intemporal. Por desgraza para a humanidade, os seus poemas máis cívicos son referencias aínda ás circunstancias polas que pasa o mundo máis empobrecido, que é maioritario no planeta. E as análises e intuicións que fai nos seus versos relativos á condición humana, á dor, á morte, ás ansias de inmortalidade, á soedade radical que padece o noso espírito é unha canteira de versos nos que se ven reflectidos homes e mulleres de todos o tempos, de todas as xeografías e de todas as culturas.

Quixera deixar aos seus pés unha petición como recordo desta mañá de San Froilán na que se me enconmendou esta ofrenda: a recomendación de ler, ou de reler, a Rosalía. Ela ensina a apreciar o noso, a valorar o idioma milenario que herdamos dos antergos, a coñecer mellor a riqueza cultural dos nosos espazos e a sermos respectuosos con eles, a ser solidarios cos que sofren, a sermos sensibles perante as inxustizas, a valorar as capacidades creativas e intelectuais das mulleres, a profundizar nos propios pensamentos e mesmo a expresarmos ese resultado riba dun papel para nos coñecermos mellor. Rosalía non vos defraudará. Ao lado dos poemas que mellor retratan o pesimismo humano, Rosalía escribe outros con ese sentido do humor que é cerne do noso espírito. Ela desmostraravos en que consiste a máis fina das ironías e mesmo o máis espido sarcasmo. Por iso sei que moitos dos seus poemas conmoverán o voso espírito coa súa melancolía, pero outros arrancaranvos un sorriso ou unha aberta gargallada. Non fagades caso da lenda da Rosalía choroa e triste. Ela non fai máis que cantar unha dura realidade facendo dela unha verdadeira acta poética: “triste é o cantar que cantamos/ mais que facer se outro mellor non hai”.

 SAN FROILÁN 2010

Advertisements

CALDEIRADA DE RAIA Á RIANXEIRA

 

Raia á moda rianxeira

Raia á moda rianxeira

As Festas do Carme de Leiro celébranse no segundo fin de semana de outubro. A traslación de data débese, segundo a veciñanza, a que os mariñeiros esperaban a que acabase a campaña da sardiña para teren cartos e afrontaren unha festa rumbosa.

Eu fundamentalmente celébroa na mesa, pois non teño outros lazos nin recordos que me unan a ela. Son unha transplantada que chantou aquí as raíces, mais os meus apegos coa terra e coa memoria están noutro lado.

E nada mellor para unha celebración da Patroa do Mar que un prato de peixe. Este ano foi unha caldeirada de raia á moda rianxeira. O proceso comeza por ir mercar a raia a unha peixería onde lle gardan o fígado e pedir unha aleta. Ás veces é moi solicitado, pero soe dar para todos os que a queren.

Saberán as persoas que lean isto que a raia non é doada de limpar e que, de non poder esfolala por ambos lados, un dos mellores remedios para lle quitar a mucosa que a recobre é botala, media hora cando menos, en auga cunhas culleradas de vinagre que a calla e fai que sexa doada de eliminar.

O prato empeza a elaborarse como é habitual: auga, allo, cebola, patacas, raia, loureiro e sal, coidando o momento de introdución de cada elemento no conxunto. Cando todo está cocido, escórrese.

Bótase na tixela un bo aceite de oliva virxe e dóuranse dúas salugas de allo en láminas. Cando toma color, retírase e déixase enfriar algo. Daquela introdúcese o anaco de fígado partido, esmágase co garfo e vólvese ao lume ata que se fai unha especie de escuma e el vai quedando reducido a un pequeno granulado marrón. Sácase do lume e engádese o pemento doce cun chisco de picante ao gusto e unha cullerada de vinagre. Bótaselle por riba ao guiso e listo xa para a mesa.

Nosa Señora do Carme ben mereceu ela tamén esta ledicia.