LAXEIRO, O POETA DA TERRA

Facendo debuxo ou pintura, Laxeiro é un poeta da terra. Para mellor dicir, Laxeiro era xa poeta da terra cando andaba de pastor ou exercía calquera outro dos seus oficios antes de se entregar ás formas e ás colores. Por ser poeta da terra renuncia ao nome imposto polo home para tomar o que lle ofreron as laxas afloradas do chan.

E pinta coas colores da terra, recrea as formas sinuosas ou crebadas da terra, mostra a densidade e a forza da terra, inmortaliza os costumes nacidos na terra perpetuados máis tarde nuns homes e mulleres que son terra. Rente á terra, Laxeiro percibe as caras de mil anos e, invitado polo voo das aguias que trazan nas alturas as complicadas formas da realidade oculta, descríbenos os soños.

Antigo e rexo como a terra, faise lixeiro coma ela cando quera agromar en xeira nova. Fabula como o vento, versifica como a chuvia, quéntanos os ollos co lentor da terra farturenta do outono e tráenos todas as esperanzas primaverais.

Nesta magnitude cósmica que lle outorga a amistade da terra, fusiona o grande co pequeno, o claro co escuro, o mesto co sutil, a mancha co trazo. Manexa a sintaxe das vellas formas e fai poética dos contornos fundidos, dos espazos espidos ou recheos. E poetiza, a un tempo, o individual e o colectivo, o mundo e o trasmundo, o bonito e o feo, o real e o imaxinado. Acende a color dos solpores e cabalga polos mitos da terra como un poldro indomable que nos incita á viaxe máis fecunda.

Bodogón do capitel, en memoria de Laxeiro

Bodegón do capitel, en memoria de Laxeiro

Amante dos luceiros e das lúas, Laxeiro poetiza xirando un calidoscopio que lle ensinaron a manexar esas fadas que repasan as follas do libro dos menceres. Despois domea o negro, como a noite. Leva a trae levián, como as estacións do ano, polas xeografías e polos tempos. Roza a sacra poesía icónica do medievo e condúcenos aos inicios dunha arte que aínda queda por chegar aos nosos ollos, mais detrás da pintura de Laxeiro non nos sorprenderá.

Advertisements