O XUNQUE E A METÁFORA (na conmemoración do día do poeta no Brasil)

O teito de cristal

O teito de cristal

En xunque de cristal,

a Metáfora.

Achégase o poeta

sen protexer os ollos do fulgor

nin as mans da friaxe,

nin a razón da escuma,

nin tan sequera o corazón da agarda.

E traballa en silencio

e con vergoña

de non cumprir o soño de deus intruso

no seu taller de ourive pretencioso.

¡Ai, traballador sabio,

zahorí de verdades e xastre maxistral

das figurationibus obliquis de tan vello!

¡Ai, ave sospeitosa

de aniñar en mentirosos labirintos,

pega por aquel “Hortus deliciarum”

Inmundis spiritibus inspirati scribunt

artem magicam et poetriam id est fabulosa commenta!

¡Ai, poeta

que segues camiñando nos delirios da trascendencia

como un pequeno deus,

que cruzas cal cometa polo túnel do tempo,

que sangras polas chagas

dun gume de experiencias e ficcións

e que te sabes preso entre os adobes do teito humano

e o xunque de cristal!

Advertisements

A ROUPA DAS VIRXES

Talla en madeira policromada

Lin un artigo de Manuel Vicent sobre o interior das Virxes vestidas e as ofertas das flores a María. Emocionoume porque eu percibo a relixiosidade no olor das rosas antigas e das flores do philadelphus que achegabamos aos altares de maio. Os aromas fuxidos polos poros da espiritualidade temperá agóchanse nas flores coas que cada maio recupera a infancia do trasfondo da memoria.

Pero a lectura tamén me evocou o descubrimento que aló polos principios da década dos sesenta me deixou aleuta. Era eu mestra nunha parroquia que veneraba a Virxe das Dolores, tan vestida de negro e co seu corazón de prata transido por espadas. Non pola curiosidade da que fala Vicent, senón por lle amañar o vestido que tiraba a vello, o párroco e mais eu empezamos a mover aquelas roupas ata descubrirmos que debaixo do veludo, das blondas e dos tecidos intermedios había un San Luís Gonzaga. ¡Que el Señor nos perdoe a boa intención que puido traerlle tanto desgusto á parroquia e sobre todo a nós!. Porque eu xa tiña a experiencia de anovarlle o vestidiño ao Neno dunha Nosa Señora dos Remedios que quedaba cerca e, cando llo ía poñer, a pouco saio acantaceada da capela polo intento de alterar esa natureza estable que teñen certas cousas sagradas, coma tal a roupa das Virxes e dos seus Meniños. Así que recolocamos os atavíos da imaxe e silenciamos a descuberta para que puidese seguir sendo a Virxe avogosa aos que acudían, cada quince de setembro, a lle rogar axuda para os sufrimentos que ela coñece tan ben.

A nosa paisanía, que alimenta a fe ao seu xeito, outórgalles ás imaxes, e non ás ideas, a capacidade de facer prodixios. Xa que logo, calquera cambio é capaz de alterar os efectos taumatúrxicos, dos que sempre se anda precisado. Por aqueles mesmos anos, o cura que máis traballou para revitalizar o Camiño de Santiago, tivo a idea de espir a talla medieval da Virxe do Cebreiro dos engadidos téxtiles que se lle foran colocando.

Ao mostrala na madeira restaurada, apuxéronlle que lles vendera a imaxe e aventuraron que andaría no futuro dispensando os seus favores en terras alleas, posiblemente na Alemaña, de onde seica procedía o rico comprador de Santa tan milagreira. Pero, alén do sufrimento do párroco, aquilo xa está esquecido e a Virxe do Cebreiro volveu ser venerada polos seus fieis. Non sei que pasaría agora se aparecese vestida.