BULLÓS CON LEITE, CEA DE SAMAÍN

En canto pechou a noite puxémonos a pelar castañas, para a ocasión “de parede”, que é das que comeron sempre. Na lareira as lapas alumean de xeito especial a estancia á que xa van chegando mulleres e homes que nos precederon na vida e na morte. As castañas agardaron no souto para protagonizaren a noite que une o mundo e o trasmundo. Hogano fómolas buscar aos Ancares e traen a forza telúrica da paisaxe e da terra. Elas saben que as chamaremos bullós para as comermos con leite. Son as de sempre e están orgullosas de lles quitaren a fame nos longuísimos invernos aos que hoxe veñen convidados.

Ferveron ataviadas coa súa pel máis próxima e adubiadas con sal e uns grans de fiúncho que acentuarán a súa dozura, achegándoas case a sobremesas. En canto unha se deixou atravesar polo coitelo, escorrémolas e levámolas á mesa, acompañadas dun xarriño de leite a temperatura ambiente.

Os visitantes colocáronse cabo de nós e comeron nas nosas cuncas. Cos bullós tapados para que non enfriasen, iamos collendo pequenas candidades que pelabamos coas mans e deitabamos esfarelados no fondo das cuncas. Vertiámoslles leite por riba e comiamos unha porción para empezar outra axiña… Así fomos repetindo o rito mentres durou o manxar morno e ancestral, aglutinador de corpos e de espíritos, nunha noite de encontros en silencio, de supervenvivencia, recordo e gratitude.

Os espíritos foron marchando de paso que as lapas baixaban ao borrallo. E puidemos sentir nas nosas frontes o sopro benefactor que deixaban ao seu paso.

Advertisements