SILENCIO

Non se oían nin as vagas.

Marcharan as gaivotas, ós paxariños do canaval mudecéraos a calor e eu ía en busca dese pracer que só a auga lle ofrece á pel no verán.

Volvía para o silencio das areas e oín por entre as canas o soniquete dun móbil teimando coa súa música.

Púxenme a xogar cunha presiña de grans como cando se fai o si e o non da margarida.

Saiu si e fun ao encontro do móbil para calalo dunha vez. Pero picoume a curiosidade e descoleguei.

-¿Si?

-Por Deus, non digas nada. ¡Porfa, caladiña! Hoxe escoitas, ¿vale? Aclarareiche todo. Entenderalo, verás. Pensei que cumprías o xuramento de non coller. Espérame onde sabes, á hora que sabes, co que ti sabes… Comereite a bicos.

Colgou e non puiden dicir nada.

Cando subín para a casa deixei aquel chisme flotando no mar.

Era como unha botella coa mensaxe dun náufrago.

Silencio en Sartaxes

Silencio en Sartaxes

Advertisements

DECÁLOGO DO LIBRO PARA A ESCOLA

 

METÁFORA VISUAL DOS LIBROS

 I O libro debe ter presencia temperá nas nosas vidas.

            A infancia debe xogar con libros xa antes de saber ler.

II O libro ten unha autora ou autor.

           Hai que propiciar que o alumnado coñeza a quen escribe os libros que le.

III O libro é a principal finalidade da aprendizaxe lectora.

            Cómpre promocionar a lectura na aula, na biblioteca e na casa.

IV O libro é unha fonte de saber.

            O alumnado debe realizar actividades de consulta nas bibliotecas.

V O libro é un ben que debe ser coidado.

            Cómpre ensinar a forrar, coidar e personalizar os libros con “ex-libris”.

VI O libro é un elemento coleccionable.

            Hai que iniciar cedo a formación da biblioteca persoal.

VII O libro é un ben que hai que descubrir e apetecer.

            A infancia debe acudir a librerías, feiras do libro, exposición, bibliotecas…

VIII O libro é un ben que hai que compartir.

            Deben intercambiarse libros por medio das bibliotecas de aula.

IX O libro é un ben co que debe agasallarse.

            Hai que adquirir o hábito de regalar libros.

X O libro é un elemento importante nas nosas vidas.

            Hai que procurar que as nenas e os nenos falen dos libros que lles gustan ou significan algo importante.