EN ESTATUAS DE SAL. Aos 9 anos do desastre do Prestige

Poema publicado en Negra Sombra. Intervención poética contra a Marea Negra (Espiral Maior, 2003) e reproducido en A pie por la Costa da Morte, de Josep Maria Espinàs (Edhara, 2004)

 Que demitan os polbos e os percebes,

o arroaz e o golfiño rebozados,

os cormoráns moñudos,

os corvos revestidos con chupa de etiqueta,

as gaivotas de fóra do papel…

Que demitan as xoubas,

os alcriques,

a xarda,

a maragota,

a robaliza,

as ameixas,

os croques,

as navallas…

 Que demitan tamén os aparellos

que se rañan ociosos nos alpendres dos mariñeiros e mariscadoras,

as dornas,

as chalanas,

as furgonetas que levaron peixe

en ventres como úteros de mar…

Que demita o salseiro e a ardentía,

as ribeiras de estética lunar,

os bidóns pestilentes,

a rula e o peirao,

as voces roucas dos subhastadores…

Que demitan os ventos e as correntes,

as ondas e as mareas,

a latitude norte,

a lonxitude oeste

e a verdade.

Que os preclaros prebostes volvan a súa cabeza

para ver o milagre de tanta demisión

e queden convertidos, por curiosos,

en estatuas de sal.

 

                                              Fisterra, decembro de 2002

Advertisements