LACTARIUS AO FORNO

 

LACTARIUS AO FORNO

LACTARIUS AO FORNO

Os cogomelos, tan diferentes entre eles como as carnes, as froitas ou as verduras, teñen unha variedade de sabores e texturas que paga a pena descubrir. Foron tidos durante moito tempo por alimento de pobres, pero hoxe son considerados polos gurmets como un dos manxares máis sabedores, figuran nas mellores cartas e o grandes cociñeiros están investigando as moitas posibilidades que aínda están por descubrir.

Os cogomelos silvestres non reciben tratamento químico durante o seu desenvolvemento. Son, xa que logo, altamente ecolóxicos. E, sen chegaren a alimento completo, posúen o dobre de proteínas que os vexetais. Conteñen azúcares, graxas e sales minerais, así como os nove aminoácidos esenciais, leucina e lisina, ausentes na maioría dos cereais, un bo aporte de vitamina C, D, niacina, ácido pantoténico, riboflavina, B6 e ácido fólico. Teñen moita fibra e moita auga e son moi baixos en calorías e carbohidratos. O seu consumo é bo complemento da alimentación.

Hoxe preséntovos unha maneira de preparar lactarius moi do meu gusto. Colócanse nunha fonte de forno coa parte cóncava cara arriba. Bótaselles sal, allo e perixel picadiños, pementa e pan relado. Réganse con aceite de oliva virxe e métense ao forno ata que encollan e se douren lixeiramente.

Ide a eles aos piñeirais, que estamos no momento. Probade a receita e que vos presten.

Advertisements