A VOLTAS COA CULTURA

 

Preciso falar co edil de cultura dun Concello e chámoo por teléfono. Sae unha máquina parlante preguntándome en que lingua quero ser atendida. Elixo e vaime nomeando áreas de destino da chamada para que eu prema nun número. Pasan oito e non aparece cultura. Daquela xa só me queda a intervención da operadora que pon fin á conversa mixta á que nos afixo a tecnoloxía. Cultura non ten departamento asignado, pero afortunadamente aínda hai unha persoa que resolve o que preciso.

Rebaixóuselle á cultura demasiado o seu valor. En lugar de ser presentada como unha necesidade vital para o desenvolvemento persoal e social, parece que quere situarse no terreo do superfluo cando non nun espazo confuso que serve de paraugas a un fato de persoas que tentan vivir a expensas de subvencións públicas. E xa non digamos se a cultura se fai en galego, que onde vai parar tal ousadía.

Porque non é doado pensar que vaia desaparecendo a palabra cultura porque o seu contido calou na organización da sociedade e se fixo innecesaria, como un adxectivo epíteto. Se fose así, calquera departamento de calquera nivel organizativo levaría implícito o seu concepto. Daquela ata se entendería que non fosen necesarios departamentos específicos que a atendesen.

Sendo así, o urbanismo e as obras públicas que contemplasen as persoas como usuarias en solidariedade coas que menos posúen, coidando a integración das diferencias, o equilibrio co medio ambiente, a mellora da vida comunitaria coa ética como norte, sería xa cultura. Unha educación institucional respectuosa coas características dos individuos, compensatoria das grandes desigualdades, na que o alumnado fose aprendendo de forma interactiva como debe funcionar a sociedade democrática, sería cultura. Unha economía reequilibradora que buscase a satisfacción das necesidades básicas da poboación e a participación nun ocio digno no que a creatividade xogase un importante papel, que non soubese de paraísos fiscais nin se concentrase nunha porcentaxe mínima de carteiras, sería e tería cultura.

Pucharcas

Pucharcas

¿Debe a cultura incluírse en toda a actividade humana? Máis difícil de definir que a propia poesía, pasou pola historia arriquecéndose e adquirindo tantos matices e xiros que ben puidese evoluír cara ese lado. Pero temo que as cousas vaian camiñando no sentido contrario.

Advertisements