A VOLTAS COA CULTURA

 

Preciso falar co edil de cultura dun Concello e chámoo por teléfono. Sae unha máquina parlante preguntándome en que lingua quero ser atendida. Elixo e vaime nomeando áreas de destino da chamada para que eu prema nun número. Pasan oito e non aparece cultura. Daquela xa só me queda a intervención da operadora que pon fin á conversa mixta á que nos afixo a tecnoloxía. Cultura non ten departamento asignado, pero afortunadamente aínda hai unha persoa que resolve o que preciso.

Rebaixóuselle á cultura demasiado o seu valor. En lugar de ser presentada como unha necesidade vital para o desenvolvemento persoal e social, parece que quere situarse no terreo do superfluo cando non nun espazo confuso que serve de paraugas a un fato de persoas que tentan vivir a expensas de subvencións públicas. E xa non digamos se a cultura se fai en galego, que onde vai parar tal ousadía.

Porque non é doado pensar que vaia desaparecendo a palabra cultura porque o seu contido calou na organización da sociedade e se fixo innecesaria, como un adxectivo epíteto. Se fose así, calquera departamento de calquera nivel organizativo levaría implícito o seu concepto. Daquela ata se entendería que non fosen necesarios departamentos específicos que a atendesen.

Sendo así, o urbanismo e as obras públicas que contemplasen as persoas como usuarias en solidariedade coas que menos posúen, coidando a integración das diferencias, o equilibrio co medio ambiente, a mellora da vida comunitaria coa ética como norte, sería xa cultura. Unha educación institucional respectuosa coas características dos individuos, compensatoria das grandes desigualdades, na que o alumnado fose aprendendo de forma interactiva como debe funcionar a sociedade democrática, sería cultura. Unha economía reequilibradora que buscase a satisfacción das necesidades básicas da poboación e a participación nun ocio digno no que a creatividade xogase un importante papel, que non soubese de paraísos fiscais nin se concentrase nunha porcentaxe mínima de carteiras, sería e tería cultura.

Pucharcas

Pucharcas

¿Debe a cultura incluírse en toda a actividade humana? Máis difícil de definir que a propia poesía, pasou pola historia arriquecéndose e adquirindo tantos matices e xiros que ben puidese evoluír cara ese lado. Pero temo que as cousas vaian camiñando no sentido contrario.

Advertisements

4 opinións sobre “A VOLTAS COA CULTURA

  1. Para mim, que difícil admitir!, penso que esta seja a realidade: que as máquinas têm, sim, substituído os seres humanos. E nós… temos que nos adaptar a elas para sobrevivermos… Lamentável.

    Gústame

  2. Querida amiga: Se está no certo -e moi posiblemente así é- formará tamén parte da cultura sabermos adaptarnos a elas para que non nos manexen demsiado. ¿Como acha esta idea? Abrazo.

    Gústame

  3. ¡Que contenta estou de ter unha amiga que sabe filosofar! Eu son soamente unha afeccionada. Aperta grande.

    Gústame

Os comentarios están pechados.