E NO RUMOR DAS FONTES

Galicia foi definida como fogar e a nación de Breogán, Jacobusland e o país dos mil ríos, como lle chamou Cunqueiro. O país dos mil ríos débeo ser tamén de millóns de fontes, fontelas e manaciais. A auga está aquí moi presente en todas as súas manifestacións, desde as rías que achegan a grandeza do océano ás neves que se asentan nos montes orientais.

Un dos escritores que viu e cantou á auga con máis sensibilidade e polifonía foi Rosalía de Castro: “Aquí fonte, alí regato,/ a iaugua brila antre as herbas…”. A poeta fai deste elemento a imaxe dos seus estados de ánimo, ora como continuación dos mesmos por semellanza, ora por contraposición á desventura na que se ve mergullado o espírito. “Lévame a aquela fonte cristaíña/ onde xuntos bebemos/ as purísimas auguas que apagaban/ sede de amor e llama de deseios”. Máis alá da inspiración popular dun dos poemas máis coñecidos de Cantares gallegos, “Adiós ríos, adiós fontes,/ adiós regatos pequenos…”, a auga abrolla dos seus poemas como manan as fontes da terra. “¡Que pracidamente brilan/ o río, a fonte i o sol!…”.

A auga expresa xa non as dores puntuais, senón a dor esencial da propia vida: “….onde ó marmular as fontes/ un coidara que se queixan…”. E adianta o país cando saudosamente se presinte estando fóra: “Pechei os ollos e vin…:/ vin fontes, prados e veigas/ tendidos ó pé de min”. No rumor das fontes agáchanse os nosos mitos e lendas: “… e no romor das fontes, espritos cariñosos/ que só ós que aquí naceron lles dan falas de amor”. E as fontes son espazos onde un se enfronta consigo perante os medos da partida á emigración: “Algún cabo da fonte recrinado,/ parés que escoita atento a murmurío/ da augua que cai, e eisala xordamente/ tristísimos sospiros”. E tamén testemuña dos compromisos amorosos incumpridos: “Bebemos xuntos naquela fonte…”.

Fonte de rañó, con lavadoiro

Fonte de Rañó, con lavadoiro

Sendo así, era ben raro que ningunha das nosas augas embotelladas cavilara na posibilidade de utilizar versos de Rosalía de Castro na súa etiquetaxe. Mais chegou o momento de se fixaren nela e é a marca Cabreiroá inicia as homenaxes que recibirá a poeta no seu 175 aniversario, que será o ano que ven cunha botella para coleccionistas coa súa imaxe e uns versos que van tamén na súa cuberta e nun marcapáxinas para animar á lectura. Rosalía ben tiña merecido esta homenaxe da auga. Benvida sexa.

Advertisements