SORORIDADE

¡Amigas! Que palabra tan doce. O compromiso

de estarmos sempre unidas pola cadea de ouro

que, sen prometer nada nin facer documento,

xurdiu en nós as dúas sen sabermos ben como.

 

Cantos días e noites, e cantas primaveras,

e canto inverno duro mirado nas ventás

foron tecendo fíos invisibles aos ollos

do amoroso vencello urdido polo azar.

 

Por azar ou designio que nós descoñecemos

pero que pouco importa se a semente medrou

e naceron enrugas canda as outras enrugas

e ocos canda outros ocos nos nosos corazóns.

 

Seguirán moitas cousas chegando ás nosas vidas

que en presenza ou ausencia habemos compartir

e ese amor bennacido de raíces profundas

faranos máis doado o oficio de vivir.

 

 

 

 

Advertisements