FOTOGRAFÍA EN BRUXELAS

A artista axitadora cultural –tal se di agora de quen fai mover a cultura- Luz Darriba, galega de orixe familiar, volveu a Lugo e, desde alí promoveu actividades como o proxecto Cumulum arredor da muralla, declarada despois patrimonio da humanidade, ou o patchwork Farrapos pola non violencia cara ás mulleres, alfombra de 8.000 metros cadrados na Praza do Obradoiro de Santiago.

Muller comprometida coa sociedade, fundamentalmente coa media humanidade que somos as mulleres, levou polo mundo exposicións, instalacións e montaxes participativas reivindicando con elas as esixencias dos dereitos humanos. Por estes traballos recibiu máis de cincuenta distincións en varios países.

Desde hai uns meses, esta creadora multidisciplinar está traballando en Bruxelas onde se encarga dun amplo espazo de arte iberoamericano. Na capital de Europa, empezou axiña a buscar tamén maneiras de promover a arte galega a través de espazos físicos onde creadores e creadores de diversos percorridos persoais e distintas orixes se descubran e se relacionen. E xa botou a andar tan xenerosa empresa colectiva cunha exposición de fotografía, Olladas 2012, colgada na sala de La Tentation do Centro Galego, que foi inaugurada onte coa presenza da europarlamentaria Ana Miranda e moito público. Poderase visitar durante un mes.

A mostra reúne obras dunha vintena de fotógrafas e fotógrafos de Galicia e Bélxica que poñen as súas obras a dialogar nun espazo de cultura non institucionalizada nin mediatizada polos grandes efectos tecnolóxicos. Polo contrario, os visitantes atoparán o traballo persoal de cada artista que intentou mostrar un fragmento da vida, da súa maneira de a observar e de a enfocar, e das posibilidades que explorou para nos transmitir ese momento que pasa a construír un mundo propio e se pretende compartir para acabar o proceso creativo.

Forman este grupo artistas de diferentes idades, expresións e concepcións do traballo que pode conseguirse cunha cámara: Juan Carlos Amadeo, Alfredo Bongianni, Borxa (Julio Leira),  Mercedes Bujan, Luis Engroba, Yamil Fued Koussa, Fernando Gago, Ticiana Ghiglione, Susana López Vilanova, Estefanía Novo, Giovana Pereira, Inma Purriños, Yolanda Purriños, Daniel Reigosa, José Reigosa, Ce Tomé, Carlos Valcárcel, Helena Villar e Mónica Weissel.

PERMANENCIA NOS CAMBIOS

No fondo do calexón de Valcárcel, que salvaba un dos grandes desniveis de Becerreá, hoxe en escalinata, colocábase os tres e dezanoves do mes, días da feira, Victorino de Eixibrón cunha meniña eivada. É un dicir, porque non se lle podía botar a idade, mais así a chamaba el. Os abondosos transeúntes deixaban unha pequena esmola cabo dela. Para mover á caridade en tempos miserables, o postulante dicía –en castelán, lingua oficial tamén disto-: “Más vale dar que pedir, hermanos”. Ela sabíase protagonista e colaboraba na representación da súa gran desgraza. Naquela situación de indixencia, pai e filla vestían as peores roupas, que movían máis a compaixón. O cadro formaba parte da feira e a xente colaboraba ao sostenemento humilde dunha familia coñecida pola contorna e castigada  polo mal.

Cambian as performances –a actualización do vocabulario é miña-, mais ben pouco as raíces dos acontecementos humanos. Para poñer un exemplo, as procesións para arranxar os problemas dunha sociedade que os facía depender de Deus, convertéronse en manifestacións para esixirlles solucións ao gobernantes. Grazas á idade, as ansias por recuperar os primeiros anos e ao interese que me espertan os comportamentos sociais, tamén vexo parecidos en situacións, de antes e agora, con aparencia ben distinta.

RECICLAXE ARTÍSTICACambien a presenza da nena pola descrición a distancia. En vez de ser a meniña eivada do pobre home, supoñan que a acomodada muller fala dunha fermosa e anxelical filla abandonada por seu pai e desprezada pola súa madrasta. En lugar de vestir farrapos para dar pena, póñanlle á señora as mellores galas: altos tacóns en zapatos singulares, roupas de boa marca e atrevido deseño, maquillaxe de profesionais e enormes adobíos… No canto de situaren os feitos no calexón de Valcárcel, cavilen no glamour da televisión. Troquen tamén a vergoñenta esmola por pingues e envexados beneficios. Marquen a periodicidade en cinco días por semana, no lugar de dúas veces ao mes. Cavilen nun público enfervorizado que non sente compaixón, senón mesmo sana envexa. E poñan tamén en lugar do espírito de caridade o máis estudado marketing ao servizo da causa. ¿A que lles soa? Supoño que a una nota de actualidade.

AS ESCALEIRAS

ESCALEIRAS NO PAZO DE RAXOIOín falar desde nena da costa de xaneiro. Non sabía daquela que era unha metáfora da  estreitura económica difícil de superar e na miña inconsciencia quedou substituída a representación da costa por unha escaleira, que me parecía máis doada de subir. Empecei así a ver os meses como escaleiras repartidas en tres treitos de dez días co último lixeiramente variable. E así os sigo vendo. O primeiro tramo arranca cara a dereita, o segundo é vertical e o terceiro volve á esquerda para quedar fronte ao inicio do primeiro. Había que resolver a unión do final de un co principio do seguinte e non decidín se era pegando un salto no último minuto xa que a escaleira non era moi empinada, baixando os banzos a saltos ou sentándose na baranda para o esvarón.

Hai que baixalas, porque as escaleiras non foron pensadas só para subir, senón que tamén serven para nós volver a rentes do chan. Os que tenden aos tópicazo din dos galegos que non se sabe se as subimos ou baixamos. Iso é que non nos miran ben. Como non o fagamos de lado cos pés atravesados e en stand by o movemento resulta imposible. Así que hoxe estamos no segundo tramo das miñas escaleiras imaxinarias, de costas para a entrada de maneira que non haxa confusión de que imos subindo este xaneiro como podemos, cangados con pouca paquetería e a cesta da compra adelgazada.

As escaleiras son un invento da humanidade para facilitar o tránsito e están en calquera lugar onde hai que salvar un desnivel. Son tan variadas que non hai maneira de as clasificar. Depende dos materiais, da forma, do lugar de paso, dos cartos de quen as fai, dos gustos, dos deseños, dos ambientes, dos espazos, da estética, da moda… E aínda poida que estean ao aire libre ou a cuberto, mostrarse monumentais ou rudimentarias, testemuñar riqueza e clase social ou simplemente ser utilitarias. Pense Vde. en calquera escena que se lle ocorra e verá que doado é poñerlle ao lado unha escaleira para subir ou baixar.

Cunha cámara fotográfica na man, ando estes días tomando imaxes de escaleiras para unha colección de fotografías. Sacarlle gusto a unha colección de imaxes é tentar aumentala converténdonos en escravos da mirada. Alí onde nunca eu unha vira aparecen agora dúas, desertas ou transitadas por xente que sobe a costa de xaneiro cavilando xa na de febreiro, marzo e abril. E en que cada vez a carga lle pesa menos.