UNHA MAÑÁ DE REIS

RECORDOS DE INFANCIA

RECORDOS DE INFANCIA

O papá encargouse de que non creramos nos Reis.

As mañás dese día abriamos o paquete da madriña sabendo que era ela quen poñía os agasallos. E, ao mediodía, comiamos o cabo do chourizo que colgaba na vara polo que esperaramos varios días. Este era o regalo da casa e sabía como ningún.

Pero unha desas mañás apareceu a dona do bazar que vendía os xoguetes e tróuxolle a meu irmán un piano. Deixáranllo os Reises porque lle gustaba moito a música. Isto era certo e eu púxenme a chorar. Porque a min tamén me gustaba e a señora non sabía que onde hai dous nenos hai que levar dous regalos.

Estrando xa no final da choradura, entru o papá na cociña cunha carta. Tiña o meu nome no sobre, e mandouma abrir e ler.

Era dos Reis pedíndome desculpas por se esqueceren de min e rogándome que admitise un billete que deixaban dentro. Xa non lles daba tempo a comprar nada porque tiñan que se ir.

A letra era exactamente igual que a do papá, a da libreta das medidas dos clientes da xastrería. ¡Preciosa! E eu púxenme contenta de que escribise como os Magos.

O papá recoñeceu que se equivocara. Que os Reis existían e eran xustos. Se facían algo mal, ¡que axiña o amañaban! E díxolle á mamá que me acompañase a comprar cousas para min.

Volvemos para a casa cuns zapatóns, un libro de contos e un moedeiro de charol colorado para gardar a calderilla das voltas.

Aquela mañá crin nos Reis Magos.

Advertisements