CONTRA TODA RAZÓN

A morte de mulleres a mans das parellas acontece contra razón. Na cabeza na que se planifica tal crime debe entrar un dragón que aniquila de forma sanguinaria non poucas veces en presenza de fillos menores. Esta traxedia, a máis despiadada que poida darse, non está ligada nin á clase social, nin ao nivel de estudos, nin á idade do verdugo. Se non erradicamos este terrorismo doméstico, vivimos nunha civilización enferma. Fracasou a educación familiar, exercida maioritariamente polas mulleres, e a institucional que hai décadas promove a igualdade entre xéneros. E fracasan as leis e as medidas que tentan prevevenir  esta crueldade.

Cando escribo este artigo, os feminicidios en España xa foron seis neste ano e, por primeira vez, ningunha asasinada era estranxeira nin presentara denuncia. É a cifra máis alta no mesmo periodo desde que hai estatísticas. As raíces nas que se asenta esta senrazón son variadas, pero están o sentido de pertenza, o complexo de superioridade patriarcal e a falta de respecto á liberdade das mulleres a decidir sobre a súa vida. Sendo así, é de esperar que naquelas sociedades onde as mulleres non teñen recoñecidos legalmente os seus dereitos e a educación non se ocupou de erradicar un sistema que institucionaliza a submisión, a realidade é aínda máis arrepiante. Aí están as vergoñentas lapidacións públicas e colectivas como unha mostra de administración da inxustiza pola man que pode ser aceptada como xusta polas propias mulleres.

Esta connivencia das mulleres co maltrato ao seu propio xénero está moi relacionada coa falta de información que perpetúa a permanencia de crenzas e costumes ancestrais, moitas veces asociados á relixión. Nos casos de mutilación xenital –outra gravísima violencia contra o xénero feminino- son as mulleres quen a perpetran como un servizo á familia.

Canda as nosas sete vítimas, que poden ter aumentado cando este artigo chegue ás súas mans- Storay, unha muller de trinta anos da provincia de Kunduz, ao norte de Afganistán, foi asasinada polo seu home, coa axuda da sogra, por parir unha meniña cando esperaban varón. Seguro que nin o home nin a sogra nin a vítima sabían que a determinación do sexo depende dun cromosoma masculino. A educación no coñecemento, na igualdade e no respecto axudará ás mulleres a sacudir a carga da culpabilidade de Eva.

LOITO POR CADA MULLER ASASINADA

Advertisements