EVOCANDO UN AMOR

Recordarás a flor

e esvararás por ela en espiral

ao compás dunha música

de voda na que o branco

dun veo garda oculta

a cara dun amor

nacido nun non sei

cando nin onde.

Pero quizabes foi naquela flor

na que a abella libaba

o néctar dun engano.

Porque sabes que o amor é un engano

no que os labios preludian ese instinto

de fecundar a vida máis oculta

que se garda na flor.

E mirarás no espello das augas repousadas

se aparece esa flor

perdida por algures.

E daquela farase un remuiño

para que o teu recordo descenda en espiral

ao compás dunha música

de voda na que o veo

das augas che descubra

a cara dun amor que nunca viches.

Advertisements