MEL DE GALICIA

O mel de Galicia será protagonista no Fórum Gastronómico de Santiago o día 27. A nosa paisanía, apañadora de enxames e catadora de cortizos, xa usou o mel como alimento, alén do seu valor medicinal por avogoso para a gorxa, os catarros e algunhas pizmas externas. Mel con ovos e chourizos fritos servíase na Terra Chá a calquera oficial –traballador de oficio- que prestaba servizo polas casas a mantido. E dime un amigo de Chantada que na súa infancia comía touciño entrefebrado partido en pequenos tacos e revolto con mel, acompañándoo con pan de centeo. O mel era xa, no capítulo do que hoxe chamamos sobremesas aínda que algún día compretara o menú, un luxo para filloas –con sangue de porco- e feixós –sen el-, que pola parte oriental de Galicia manteron competencia, aínda que as filloas fosen máis estacionais. Tamén era compango habitual con queixo do Cebreiro ou con requeixo.

Unha amiga e mais au andamos a preparar un libro de receitas da cociña que amañaban as nosas avoas cando non había cartos e si moita familia. Son receitas creativas, baratas, que espertan en nós poliédricos recordos infantis, etapa na que os olores e os sabores teñen valor fundacional para as emocións. Haberá que lle dedicar unha atención especial ao uso do mel, que o soía haber na casa.

Para estimular os ases da nosa cociña e o estudantado do derradeiro curso das escolas profesionais de hostelería de Galicia a que lle dean ao mel sen medo a experimentar tamén co salgado, o Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia e o Fórum Gastronómico de Santiago de Compostela convocaron o concurso “Ouro doce en fusión: vangarda, tradición e creatividade na alta  gastronomía galega”, que tivo unha estupenda recepción. Cada aspirante presentou dúas receitas por modalidade: Petisco de Ouro e Doce de Ouro. O ingrediente estrela debía ser calquera das variedades do mel acollido á regulación en combinación con outros elementos do noso patrimonio culinario de terra ou mar.

Un xurado profesional e outro popular, a través de Facebook, elixiron as catro que consideraron mellores. Agora tócalles aos autores cociñalas no Foro para seleccionar os dous premiados.  Agárdaos un lingote de ouro, e un mantelo e unha figura de cristal de firmas colaboradoras. Sexa benvida a chegada do mel á nosa ben traballada alta gastronomía.

Xurado e traballadoras do Consello Regulador

Xurado e traballadoras do Consello Regulador

Advertisements