COMPOSTELA ROSALIANA

Hoxe Compostela é rosaliana. A cidade que á poeta lle parecía estraña, fermosa e fea a un tempo é protagonista dunha serie de actos culturais arredor de Rosalía de Castro, que naceu nela hai 175 anos. Diversos escenarios da capital de Galicia serán o espazo no que a sociedade conmemore a aparición da nena María Rita Rosalía, que aquel día constaba como filla de pais incógnitos. Tomarán protagonismo rosaliano moitos dos seus lugares. O monolito da Praza de Vigo que recorda a casa onde súa nai a deu a luz no vello “Camiño novo”. A estatua da Ferradura receptora de moitas homenaxes á poeta nas primeiras décadas do pasado século o día do Santiago. San Domingos de Bonaval onde está soterrada e a visitou Curros cunha singular ofrenda. E o Hostal dos Reis Católicos en cuxa capela recibiu o bautismo. De alí sairía a meniña cara a inclusa se non a recollese súa madriña e llela entregase a dúas tías paternas.

As relacións de Rosalía coa súa cidade foron plenas, pois nela recibiu a primeira formación socializada e fixo os primeiros amigos intelectuais, desenvolveu a súa faceta de actriz, tivo fillos, perdeu a un deles en accidente doméstico, viu a morte sementada nas súas rúas o terrible ano da fame e padeceu as súas estreiteces económicas. Polas rúas tamén a perseguía a negra sombra que proxectaba contra ela unha sociedade puritana que non lle perdoaba as súas orixes, para daquela sacrílegas. Pero Rosalía foi cantando e citando os seus lugares e arredores como ninguén no poema “Adiós” e escribiu fermosísimos versos á catedral que completan co seu lirismo a magna obra do mestre Mateo. Algún día, alguén terá a idea de promover un roteiro rosaliano por Santiago. Será un éxito turístico que difundirá máis a escritora galega, a grande entre os máis grandes da literatura universal.

Rosalía marcou Cantares gallegos coa data do nacemento do seu home, Manuel Murguía, que a animara a escribir o libro iniciador da nosa poesía contemporánea. Follas novas asínao coa do seu, aínda que o fai no día 23. Vida de madrugada, conservou a incerteza de a cal dos días correspondía a hora. As datas de nacemento da parella portican as súas obras galegas. Ela sabía que naceran para facer algo grande. A pesar da humildade dos seus prólogos, sabe que leva na fronte unha estrela e no bico un cantar, como dixo despois Curros Enríquez.

Busto de Rosalía de Castro por José María Fenollera

Busto de Rosalía de Castro por José María Fenollera

Advertisements