LEDE A ROSALÍA

Lede a Rosalía, que non escribe “das pombas e as frores”, como di no primeiro poema de Follas novas. Os libros rosalianos teñen enorme interese ademais de poesía. Desde o seu coñecemento do medio físico e cultural de Galicia, que se concreta nun riquísimo vocabulario, as referencias xeográficas, a descrición dos nosos costumes, ata os valores humanos que se desprenden dos seus poemas máis solidarios, sobre todo coas mulleres que son naquela época as grandes marxinadas da historia e cos pobres de todos os tempos que sofren toda clase de inxustizas de man dos poderosos.

A palabra de Rosalía fomenta igualdade de xénero e a súa pluma comprometida proponnos non poucas reflexións arredor da emigración e o triste desarraigo que padecen  “os que noutras terras/ tén que buscar pan”.

Rosalía é unha poeta intemporal que non pasa de moda. Por desgraza da humanidade, os seus poemas máis cívicos son homologables aínda coas circunstancias polas que pasa o mundo máis empobrecido que cada vez abre fendas máis profundas entre os ricos e os pobres. E as análises e intuicións que fai nos seus versos relativos á condición humana, á dor, á finitude, ás ansias de inmortalidade, á soedade radical que padece o noso espírito é unha canteira de versos aplicables ás mulleres e homes de todos os tempos, de todas as xeografías e de todas as culturas.

Lede a Rosalía. Ensinaravos a apreciar o voso, a valorar o idioma milenario que herdamos dos antergos, a coñecer mellor a riqueza cultural do voso espazo, a ser solidarios cos que sofren, a mostrarvos sensibles perante as inxustizas, a valorar as capacidades creativas e intelectuais das mulleres, a profundizar nos vosos pensamentos e a expresar ese resultado para vos coñecer mellor e para mellor os transmitirdes.

Non vos defraudará tampouco o seu sentido do humor. Ao lado dos poemas que mellor retratan o pesimismo humano, Rosalía utiliza o xenio do humor de noso que é cerne do noso espírito. Ela desmostraravos en que consiste a máis fina das ironías, aquela que invirte os papeis, a que di o contrario do que parece dicir. Por iso sei que moitos dos seus poemas vos arrancarán un sorriso e outros unha gargallada.

Non fagades caso da lenda de Rosalía santa. Nin tampouco da Rosalía choroa. Ela non fai máis que cantar a realidade que viviu e viu ao seu redor. Ela explica así o fenómeno do pesimismo que por veces a invade e nos invade: “Triste é o cantar que cantamos/ mais que facer se outro mellor non hai”.

Rosalía por Luz Darriba

Rosalía por Luz Darriba

Advertisements

7 opinións sobre “LEDE A ROSALÍA

  1. Ela non podería imaxinar que alguén coma vostede a defendera e representara tan ben; non hai millor advogada e procuradora, profe… Adiánte, de frente sempre, e pise o que se o impida… Bicos.

    Gústame

  2. Creo que me necesita menos do que eu pensaba, aínda que máis do que pensen outros. A súa obra non poderá ser silenciada, pero daríame moita pena que o maior acto organizado para perpetuar a súa memoria e dala a coñecer ás xeracións futuras fose unha misa. E isto dígoo sen animus molestandi. Aperta, colega.

    Gústame

Os comentarios están pechados.