ORTOGRAFÍA DA DOR

Flor de ameixeira

Flor de ameixeira

Doado é recordar

que a dor escribe con ortografía

aprendida nalgunha primavera

iñantes de que canten os paxaros.

 

Eran as ameixeiras quen andaban na flor

pintando esa paisaxe inxenua e limpa

dun xardín xaponés.

 

Saíra o sol detrás das chuvias todas

e crebou o silencio,

que as abellas bailaban coas súas áas sonoras

para que fecundase esa brancura.

 

E daquela caeron entre o seu besbelleo

campás acompasadas canda as pétalas

que remove unha brisa

para avisar ao mundo da morte daquel pai

que para el nunca tivera rostro.

 

Tampouco non viu nada esa mañá

que viña tras do inverno,

pero ti describícheslle o xardín

que se tiña no aire

e el colleu a túa man

para aferrarse ao mundo

que se lle ía.

 

Esa mañá a dor

ditou as súas normas ortográficas

que quedan invisibles

agás a aqueles ollos

que soamente serven para o pranto

e a quen estende a man

para que o mundo siga.

 

 

 

Advertisements