MIL FESTAS PARA A LINGUA

D. Álvaro Cunqueiro, nunha das súas últimas intervencións públicas, desexáballe á lingua galega mil primaveras máis. Manaia don Álvaro por esta elegante petición dirixida aos falantes, e aos fados, para que Galicia conserve o máis importante sinal de identidade: a lingua propia. Fago referencia aos fados porque foron eles quen, a través dos acontecementos históricos nos que sempre resultamos perdedores, foron apartando os falantes da transmisión normal da propia lingua, feito anómalo en calquera sociedade. O idioma que foi na Idade Media soporte dunha gran lírica, pasou varios séculos afastado dos púlpitos, dos papeis e das escolas. Non é pois de estrañar esta actitude parental aínda non freada, como sería de esperar coa oficialización do idioma. Pero hai tamén outros ámbitos de consolidación do seu uso.

A primavera, estación anual que imos reinaugurar outravolta, é un símbolo de renacemento, de cambio e de alegría. Don Álvaro, o gran poeta, une o futuro da lingua a esta reaparición da vida, aos ritos da fecundidade e á ledicia. Aínda que os idiomas serven para expresar todos os estados de ánimo, é oportuno recordar que a lingua de Galicia ten a súa orixe literaria nas cantigas medievais, na súa maioría amorosas e moitas delas ligadas ás romerías. “Fui eu madre, en romaría/ a Faro, con meu amigo/ e veño del namorada/ por cuanto falou comigo/  ¡ca mi xurou que morría/ por min, tal ben me quería!”, como di Xohán de Requeixo referíndose á romería de Nosa Señora do Faro.

MÚSICA NOCTURNA

MÚSICA NOCTURNA

Para que a lingua galega volva ter protagonimo nos actos festivos, tocándomos xa o solsticio primaveral, a Secretaría Xeral de Política e a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia, presentarán o día 22 unha nova edición da campaña Mil festas máis para a lingua galega. É un programa que procura incidir nos espazos compartidos da nosa paisanía que se xunta nas festas populares, patronais e gastronómicas. Pretenden os promotores incentivar o uso da lingua propia nas actividades que se desenvolven arredor destes feitos lúdicos: a publicidade, a música e mesmo a liturxia, así como a incorporación de elementos culturais patrimoniais nos seus programas de entretenemento. E facerlle unha homenaxe a Prudencio Romo, que con Los Tamara interpretou cancións galegas que marcaron unha época.

 

Advertisements