O DÍA DA FOLGA

Nin a ela nin a el lles resultou doado ir á folga, aínda que non teñen empresa que ameace. Son xubilados e saben que a folga é tamén unha actitude vital. Tomaron nota das empresas que a prohibían aos empregados para non comprar os seus produtos, fixeron de véspera toda a compra e dispuxéronse a acoller de bo agrado as dificultades que lles puidese proporcionar.

Pero non chegaba. Algo había que deixar de facer e decidiron que lle tocase á cociña, que era cousa dos dous. Xantarían nunha fonda á que non lle ía ben. Traballaba en plan  doméstico para sobrevivir e non lle conculcaban a ningún traballador de fóra este dereito. El invitáraa uns días atrás a comer lamprea e ela dixera que non. Pero onte devolveríalle o galanteo e preguntoulle de véspera se o convite seguía en pé. Como seguía, reservou a encarga por teléfono a noite antes. A lamprea está en comida pero anda escasa e non sexa que se acabe cando cheguen. Se se vai directamente por un prato hai que aseguralo. “Xa sabe que é bordalesa”, dixo o hosteleiro. E pediu para dous.

O DÍA DA FOLGA

O DÍA DA FOLGA

Onte chegou a persoa que lles axuda na casa e non caeran na conta de lle trancar a porta para que non entrase. Nas folgas colle o aquel de cumprir debidamente co seu traballo e non hai maneira de convencela de que non veña. Garántenlle que cobrará íntegro o xornal, que a folga é un dereito recoñecido na Constitución e que eles aplauden esta medida de presión cando non queda outra. “Déixenme facer a cama”, pedía insistentemente. Abóndalle con este rito para xustificar o traballo, que pouco é, pero a parella tivo que se erguer máis cedo un día en que non sería preciso madrugar. A certa idade, a cama ou presta ata tarde ou hai que abandonala moi cedo e eles, podendo, durmían ben.

Chegaron á fonda. Antes de que quen servía aparecese coa cazola de barro, o arroz e o pan frito tapadiño para gardar a calor, el dixo que ía pedir a carta. “¿Pero non viñamos á lamprea?”, preguntou ela. E el aclarou que non lle gustaba, que só quería compracela co mellor prato da temporada, segundo os entendidos. “Pois non podemos cambiar agora”, respondeu ela, a quen tampouco lle gusta pero quería corresponder ao convite. E houbo que comer, cando menos parte, aínda que fose a contragusto. No pecado da suposta gula en día de austeridade xa ía a penitencia. A folga serviu ademais para se demostraren canto se queren e o pouco que se coñecen.

 

 

 

 

 

Advertisements

4 opinións sobre “O DÍA DA FOLGA

  1. pero… non entendo… se a folga é folga non deberiades de ter ido comer a un establecimento, que traballa ese día para podervos atender…

    no tocante á lamprea, eu nunca a probei, pero polos ollos non me entra ben…

    😉

    Gústame

Os comentarios están pechados.