PRIMAVERA QUEIMADA

RAPOSO MORTO NUNHA FRAGA DE QUINTÁ DE CANCELADA

RAPOSO MORTO NUNHA FRAGA DE QUINTÁ DE CANCELADA

A pasada fin de semana marchei a Cancelada para facer parte da ruta Quintá-Río Donsal e ver como renace a primavera na alta montaña da que procedo. O anuncio do cambio de estación fano no chan as prímulas e as violas, hogano mesturadas coa follagada resistente a un inverno moi seco. O Donsal leva, segundo os entendidos, unha quinta parte da auga que lle correspondería transportar a comezos de abril. E o sendeiro  que acolle os nosos pasos é unha estraña mestura inflamable porque a cobertura do outono non apodreceu ao seu debido tempo. Nas ladeiras daquelas serras os heraldos da chegada primaveral son as cerdeiras, cultivadas nas hortas das aldeas e silvestres nas fragas. Esta árbore é moi abondosa na zona e vai dos sabrosísimos “inxertos” –como chaman alí ás variedades da cereixa de mesa- ás agostiñas, que acaban case negras e son a alimentación verañega da variedade de aves que se agochan nestes montes.

O branco das cereixais contrasta co verduxo dos mofos e os liques, tamén resecos, que envolven as ponlas dos vellos carballos, co aínda escaso amarelo dos toxos e as moutas amoratadas das uces. É rara esta primavera, pero quen percorra este sendeiro nos principios de abril verá as cerdeiras sobrancear na sazón, como ramos de noiva, entre as cores da madeira aínda durmida das caducifolias.

Volvendo do este cara o oeste, coa tranquilidade que proporciona unha paisaxe fermosísima e benquerida, entérome do incendio das Fragas do Eume, esoutro paraíso da natureza e un dos símbolos da nosa riqueza ecolóxica. A paisaxe galega con toda a súa diversidade, e moi fundamentalmente a dos parques naturais, redes e espazos protexidos, e a lingua son dous grandes sinais da nosa identidade como pobo asentado nunha terra. Dúas riquezas, unha material e ecolóxica e a outra inmaterial e histórica que hai que preservar e protexer contra os inimigos, que ambos os dous tesouros de noso teñen.

Coidar é prever e analizar os perigos que os axexan para os poñer a salvo antes de que o mal da destrución aconteza e non haxa volta atrás. Verbo do monte, educar no auténtico respecto ecolóxico, valorar a súa múltiple utilidade e desbrozalo de materia doadamente inflamable, son medidas imprescindibles para aminorar o risco de incendios. E ter os medios con que apagar rápido tamén, aínda que o mellor sempre sexa evitar o lume.

8 opinións sobre “PRIMAVERA QUEIMADA

Os comentarios están pechados.