TERRA QUEIMADA. ÁS FRAGAS DO EUME

LUME

LUME

Ardeu a terra e rematou no edén

o canto sulagado do río que serpea

en conversa telúrica.

A borralla quentando a fumegada

que deixou a paisaxe

fai tremer a unidade do mundo que sustenta

co misterio do bosque as pisadas do tempo.

Ardeu

o canto vertical dos ouriolos

os reloxos dos cucos,

a axilidade aérea de esquíos e xinetas.

E ardeu a conca triste dun chan que esquece as chuvias

que lle arrancan a sede

ás bocas do dragón embravecido.

Alzadas contra a esterpe de todas as razóns,

as lapas arrancaron o útero e os seos

da terra fecundable que hoxe amosa

a faz dun ser tolleito.

Só a desolación

da cinsa gris cal cabeleira cana

do tempo despenado

permanece e lamenta a condición

de algo que foi paisaxe e xa só é

beleza consumida, vida ausente

baixo dun sol sombrizo

e dun luar que sangra na corteza

da terra calcinada.

Se algún canto saíse

hoxe desta parame

apegada ao esqueleto que descarnou o lume,

soaría a estertor,

a dies irae.

Advertisements

4 opinións sobre “TERRA QUEIMADA. ÁS FRAGAS DO EUME

Os comentarios están pechados.