LOLA, UN FILM DE ALFREDO PARDO

Lola é o título do último traballo de Chantada Films. A curtametraxe leva o nome da adolescente que esperta no protagonista, Cibrán, sentimentos que xermolan en contacto co mundo rural galego cara a 1964. No filme ten importancia a presenza da natureza: o olor do esterco como estimulante da sensualidade, as moutas que permiten escondites os feixes de palla que configuran recoveques, os animais, como o cabalo que ten un papel simbólico… A realidade que constitúe os ciclos da vida axudará á transformación do rapaz, xusto cando aparecen os “pés negros”, traballadores que chegan ao pazo vinícola ao que foi enviado para esquecer, no posible, a morte de súa nai, feito que o convertera nun iconoclasta.

 

A historia está baseada no relato curto da banda deseñada “Roberta” do autor francés Max Cabanes. O seu director, Alfredo Pardo, que ten conseguido éxitos con achegas importantes ao cinema galego como “O labirinto ario”, soubo traela á nosa xeografía e á época dos anos sesenta, tanto a través dos exteriores como dos interiores pacegos, coidando ben os detalles e acometendo con sabedoría as pequenas adaptacións precisas, como o falseo dalgunhas tomas para introducir como fondo a arquitectura popular de nosos. A acción filmouse no Pazo de Abral, Quinteliña e Os Queixeiros.

 

Desde o pombeiro inicial, rodeado do galo e das galiñas, á porta final da corte do cabalo a través da que Cibrán penetra real e simbolicamente no labirinto da paixón amorosa, a curta amostra unha vexetación cómplice que se adiviña fornecedora de aromas e cóxegas tantadores. Porque todo o filme xira arredor da transformación dos sentimentos destrutivos dun rapaz rebelado contra a morte e que sente o primeiro desconcerto interior, síntoma da continuación da vida, na que aparecen os instintos ata daquela larvados.

Moi de destacar é o labor dos actores e actrices  Darío Loureiro (Cibrán), Mela Casal e Fernando Morán (os tíos Celsa e Pablo, caseiros do Pazo), Uxía Blanco (nai) Miro Magariños (pai) Adelaida Vidal (Lola) e Irene Puyol (Sabela, a irmá pequena de Lola). A cálida voz en off de Carlos Blanco, a banda sonora de Sergio Pena e o equipo técnico completan a curta que axiña chegará ao público. Todo grazas a unha subvención da Deputación de Lugo, Área Cultura da Vicepresidencia primeira e á acolaboración especial do Concello de Chantada.

 

POMBEIRO

POMBEIRO

 

 

Advertisements