CERVA ENTRE AS ESPADANAS

 

 

Cabo do río fun cerva,

que baixaban as augas azuis como lirios

e poñían debezos dunha nova cantiga

sobre o meu corpo.

 

Era na tarde en que matei a serpe,

na que me perseguían as campás,

na que soñei cereixas co degaro

de as cofear cos beizos.

 

Tes cerca o espello,

viñeron a dicirme todas as cousas

e ata os dedos do vento sinalaban a auga

que cantaba na fronde

baixo o corpo do río.

 

No espadanal

quixen estar espida como a cerva que se mira nas augas

e gozarme nas formas das mazás do meu peito

e na cunca das nádegas

húmidas e olorosas

tal como a tarde.

 

E doéilles as roupas ás abeleiras

e apalpei as caricias que viñan frías

polo lombo das augas

igual que peixes.

 

E será sempre a abril

cando eu estea espida por entre as augas

dun río novo.

 

De “Nas hedras da clepsidra” (1999)

Víbora morta

Víbora morta

Advertisements