COMO ME FALA A TRIBO

BANCO RÚSTICO ALDEÁNBACONRÚSTICO ALDEÁN 

Sobe a lúa ata o cénit como a cometa

que tira da fanfarria dos grilos espallados

pola efusiva aperta vexetal

que torna o esquecemento dos corpos idos

e eu, por entre os nocelos,

afinco a pa na terra, agulla de pik-up

–vou sentimentalmente

e pola vella–

para escoitar despois entre o silencio,

cómo me fala a tribo,

que a terra é o rexistro máis preciso

das voces que a suaron.

 

Confeso que rebusco no chan abandonado

as voces desta tribo

porque son as palabras da xente que me amou

e á que eu amo

–voces de terra e mar,

de arado e remo,

de tear

e de artesa–,

luídas e afastadas

da albura do papel,

dos púlpitos de Deus

e dos pupitres,

que estas voces que soben do rexistro da noite

son das poucas que foron liberadas

de amostrarlle á miseria

que os ángulos dun triángulo

suman sempre dous rectos.

 

As palabras que escoito madrugaron coas albas

e comeron ó raso cos paxaros cantores,

pulíronse a distancia do brillo do neón,

das sabas do cinema,

da rúbrica dos blocks dos talonarios

e descoñecen se hai desodorante

no pulcro calcetín do executivo.

 

E as voces desta tribo,

brosladas na elegancia do tafetá mariño

e engastadas nas almas dos poetas,

na esmeralda dos nabos e nos ouros

do trigo e do centeo,

aínda soan na noite a desencanto.

Advertisements