AÍ VEN O MAIO

Maio é privilexiado no noso calendario. Como mes da plenitude primaveral, polos seus primeiros días celebrábase a primeira festa estacional e agrícola, a do renacer, non exenta da crítica social que os acompañantes do monumento floral que ía en padiola, acompañados do ritmo que marcaban con dous cachos de pau, facían nos seus cantos. “Os maios”, nos que se mesturaban flores e outros elementos de adorno (fiúncho, laranxas, cascas de ovos…) foron unha festa popular conservada nalgúns lugares de Galicia. Desde hai uns anos estanos a recuperar escolas, asociacións, Concellos e outros colectivos interesados en que non se perdan as nosas raíces culturais.

Nas casas gardábanse castañas resecas, (tamén chamadas maias), para comelas polo mesmo tempo en rito de proteción contra as enfermidades e outros males. Un dos poemas máis coñecidos de Curros Enríquez fala desta festa ancestral, do protagonismo que nela tiñan os nenos e de como se aproveitaban as celebracións para pedir cousas tan sinxelas como as “crocas” –castañas- resecas que deixo citadas. Aproveita Curros a súa pluma afiada contra os poderes abusóns e o moi desigual reparto dos bens para pedir cambios na sociedade por boca dun vello. “¿Queredes castañas/ dos meus castiñeiros?/ Cantádeme un maio/ sin bruxas nin demos; / un maio sen segas,/ usuras nin preitos,/ sin quintas, nin portas,/ nin foros, nin cregos”.

No mes de maio de 1863, da man de Rosalía de Castro renaceu a nosa escrita da cinsa dun seu inverno ágrafo, os Séculos Escuros. Cantares gallegos glosou moi positivamente a Galicia a través das coplas populares para liberala da mala sona coa que a tiñan aldraxado algúns escritores foráneos. Cen anos máis tarde, foi instituída nesta data unha celebración das nosas letras en tempos de prohibición, canto menos tácita, da lingua propia. Ben podería ser logo o 17 de maio o Día de Galicia.

Foi tamén maio quen deu acollida á presentación pública dun movemento esperanzador que acaba de cumprir o primeiro ano. A xente “indignada” fronte á situación económica e social botouse a rúa. Aínda que as circunstancias contra as que se rebela afectan maiormente á xente nova, botando unha ollada ás manifestacións que organiza compróbase que o secunda xente de todas as idades. Porque a frustración social é moi grande e as perspectivas non melloran.

ACAMPADA DO 15M NO OBRADOIRO, 2011 ACAMPADA DO 15M NO OBRADOIRO, 2011

Advertisements