O ENSINO PÚBLICO (I)

Enorgulléceme ter traballado con entrega nunha profesión non elixida. Posiblemente nacera para a música, pero á nena de familia pobre nunha vila pequena e na posguerra non lle era posible desenvolver capacidades artísticas nin pensar que viviría dese traballo cando servise para gañar a legume, aínda que axudei a gañala desde os oito anos traballando con meus pais. Nin sequera fun escolarizada dos seis aos trece e non tiven máis contacto co ensino regrado que un ano de parvulario.

Despois de pedir na casa para poder estudar, sen deixar aínda o oficio de xastresa, empecei o bacharelato elemental por libre que, como máxima aspiración, me permitía chegar a mestra no ensino público primario. Cando xa o era, tiven oportunidade de estudar no conservatorio de San Fernando, coa xenerosa bolsa dun mecenas, pero non quixen abandonar o camiño que tomara. Tampouco con ocasión de obter unha licenciatura na que, xa desde unha certa liberdade, optei por perfeccionar os coñecementos que aprendera na Escola de Maxisterio de Lugo para fundamentar mellor o meu traballo.

Malos tempos para o ensino público eran aqueles nos que había que andar quilómetros para chegar a unha aula en condicións deplorables, sen luz, calefacción nin material didáctico. Xuntábanse nela ata sesenta criaturas de todas as idades con ansia de saber e disciplina. O ensino público era, así e todo, motor de cambio social e mellora para a cidadanía, por ser propiciador dunha maior igualdade e das aprendizaxes da vida real fóra da burbulla dos escolleitos polo dedo da folgada economía. Iso nunha época na que entre as paredes da escola non había lugar para a confrontación de ideas, pero a propia variedade incontrolable polos poderes actuaba como ese elemento estimulador da aprendizaxe social que precisa calquera proceso pedagóxico.

Á grande maioría daquel alumnado furtábaselle a lingua propia, desprezada en todos os aspectos da cultura libresca, e escolarizábase en idioma alleo, o que coutaba, entre outras cousas, o emprego dos métodos máis racionais e avanzados da lecto-escritura. Mostrábaselles unha coruxa para que dixesen “lechuza” e naturalmente contestaban “moucho”. Infortunada escola, alumnado e ensinante. Pero naquela pobre escola pública moitas persoas puideron fundamentar os desexados estudos posteriores.

CON ALUMNADO DE QUINTÁ DE CANCELADA (1964)

CON ALUMNADO DE QUINTÁ DE CANCELADA (1964)

 

 

Advertisements