KENNINGTON ROAD

 

Do seo da taberna mana a música

e acordeóns e violíns

pola vidreira oeste

cortan a luz do sol en poliedros

e colocan no colo desta tarde

os últimos diamantes.

 

Veño de ver os cisnes polo Támesis,

de ulir os sabugueiros que ateigaron

o aire de branco olor

e de escoitar nos dedos dos abetos

os pianos do vento.

 

E téntame a taberna

coa súa bocalada de bafo quente,

coa música verquida por entre escumas de ale

e a invitación ás danzas que eu bailara de nena‑maia,

cando el soltaba a música en fervenzas

por riba das glicinias dos corredores

que facían a sombra

onde eu simbolizaba a primavera.

 

¡Canto tempo perdiches!, di o sangue

vertido das feridas dos cristais

que se derrama nos perfís borrosos

das cousas e os sabores

e o reproche fai ecos

na cor esvaecida que se esparexe,

nun harmónico acorde de cadencia final,

na derradeira gota de licor

que esvara pola copa e polos beizos.

 

Porque souben marcar cada poema que virou o meu mundo

cun pétalo de rosa

e deixar calendarios nas cortizas das árbores

para marcar o amor,

pero non souben anotar o día

nin a hora

nos que el tocaba para min

a derradeira música.

 

De “Nas hedras da clepsidra”, 1999

A GLICINIA RECUPERA A MIÑA INFANCIA A GLICINIA RECUPERA A MIÑA INFANCIA

Advertisements

4 opinións sobre “KENNINGTON ROAD

  1. Zeltia, está publicado moitas veces, ademais do libro, en antoloxías. Non me estraña que o tivese lido. Onte púxeno polo día que era. E tamén porque hai que aproveitar este marabilloso medio para difundir a obra que moitas veces non chega á xente.

    Gústame

Os comentarios están pechados.