PEDINDO PRAGAS

CADEASCADEAS

Nacera pobre e fráxil. Criouse na miseria e marchou para La Habana. Alí serviu á señorita Emilita que a tratou ben, pero daquela vida levadeira arrebatouna o home, un desalmado que a enveredou para Galicia soa e cos dous fillos. Un morreu na travesía e quedou no océano co que a ela lle podía restar de felicidade. O outro abandonouna xa case na vellez.

Collía catro pataquiñas nunha horta prestada e botáballes sal sen tasa aos cachos para esquecer a fame bebendo a tarde enteira. A soedade e a miseria volvérona paranoica e botaba pragas a distra e sinistra. Tracexaba cruces de sal tinxida con paramia tras dos que consideraba persecutores desexándolles todos os males. E de cando en vez algarufábase máis do debido e berraba polos camiños, xa declaradamente tola:

-¡Hei poñer aceite a alumar! ¡Hei poñer aceite a alumar!

O veciño, racional e humorista, saía aconsellala con cariño e retranca:

-O aceite bótellelo aos cachos.

Advertisements