Detrás da aparición dos xasmíns, esas flores aromáticas que nos enchen o olfato de primavera, aparecen na terra os froitos máis tentadores para satisfacernos o gusto comunicándonos o seu espertar. Morangos, espárragos, alcachofas, chícharos, fabas rioxanas, patacas novas, ceboliñas, leitugas… E no galiñeiro as pitas deixan tamén os ovos máis sabedores. Así que as cociñas fan unha inflexión primaveral no arcano de sabedoría oculta e nas emocións que agochan os pratos máis sinxelos. Cando alguén se dispón a preparar unha comida, por humildes que sexan os compoñentes e por doado que resulte o trámite, repite unha operación secular que nos une cos antergos nesa cadea de cultura propia que cada pobo soubo elaborar con suor e transmitir para a configuración da memoria colectiva e da súa supervivencia como pobo.
Nas casas boas sempre se encheron as bocas con nobres materias cociñadas por mans pobres. Pero nas da xente do común, a grande maioría, as mulleres aprenderon a adobiar a pobreza de maneira que fose comestible e mesmo moi agradable ao padal. Eu ando a recuperar a cociña pobre nunha chea de pratos que me parecen marabillosos quizabes por os ter unidos á memoria auroral ou por sentir aínda tras deles o alento de miña nai, o da sogra e o de todas as avoas. A cociña doméstica, xa se sabe, só era cousa de mulleres e unha das razóns para que os homes casasen, pois precisaban quen lles fixese o caldo. Eu ben sei que non fago esta recuperación por razóns estrictamente culinarias senón por motivos sentimentais.
Hoxe a actividade culinaria -aborrecida porque precisa un tempo que non hai, esixe certo grao de habilidades e dá moito traballo en si mesma e en recompoñer o desaguisado- está abandonando o ámbito privado para pasar a mans duns profesionais con prepración técnica que non paran de experimentar novidades, engadidos, mesturas, exotismos, texturas e mesmo deconstrucións…
Así e todo, eu sigo agradecendo o labor dos cociñeiros de sempre, eses que, cando teño que comer fóra, me indican cos seus pratos que seguimos na terra e me alegran a boca e mais o corpo coa liña tradicional. Os que me ofrecen o caldo, unhas patacas guisadas ou unha costeleta de solombo con patacas fritas ao lado dunha ensalada con leituga do pais e vinagre de viño picado, como as de sempre.
Douche a razón porque a tes !!
GústameGústame
Graciñas. Ás veces tense razón e non cha dan. Bo proveito primaveral!
GústameGústame
Que rico!
GústameGústame
A ver se axiña a probamos xuntas. Bicazo soprado.
GústameGústame
Dá água na boca… Um beijo, Profa. Helena.
GústameGústame
Andamos xa dándonos gusto con ela. Agora empezo a cociñar as verduras con wok e están marabillosas. Unha aperta grande.
GústameGústame