O ENSINO PÚBLICO (e III)

Os cambios sociais, os avances na pedagoxía, as aportacións da psicoloxía, os descubrimentos de Piaget sobre o desenvolvemento cognitivo, por citar algunha causa da necesidade de cambio, impulsaron a Lei Xeral de Educación de 1970. A norma foi un marco de reformas que afectaron profundamente o sistema educativo. Aumentou a educación obrigatoria ata os 14 anos, dividiuna en etapas e ciclos, introduciu a lingua estranxeira a partir do sexto nivel e fixo unha tímida aproximación ás linguas das comunidades históricas, con carácter optativo, altruísta para o profesorado e fóra de horario escolar. A fórmula revisouse xa declaradas oficiais pola Constitución e os Estatutos correspondentes.

A organización escolar sufriu gran transformación en Galicia ao crearse as concentracións escolares para as que se necesitaban transporte e comedor. A educación pasou a ser mixta e abordouse a formación do profesorado para impartir as especialidades que esixía a última etapa da Educación Xeral Básica. Pola importancia que ten o ensino público na etapa obrigatoria, considerarei aquí fundamentalmente aquela E.X.B. que nacía coa ilusión de aplicar o principio pedagóxico que Víctor García Hoz expoñía na súa cátedra da Universidade Complutense: a utopía da educación personalizada. Para adaptarse ás capacidades do educando foi preciso xeralizar dalgún xeito os servizos da educación especial con persoal cualificado. Modificouse tamén a metodoloxía dándolle importancia á participación activa do alumnado na consolidación da súa aprendizaxe. Isto  supuxo a proliferación de libros de texto, incluídos os de traballo e as axiña deostadas fichas. A Constitución  introduce tamén cambios nos contidos e o ensino da relixión convértese en optativo ao lado da formación ética.

As leis de educación que a sucederon desde 1990 aumentan a idade de escolarización obrigatoria gratuíta garantindo a elección de centro a cargo do Estado e a través do chamados centros concertados, que poden incluír un ideario no currículo. Pero será o ensino público, coa Constitución como ideario da cidadanía, quen garante a educación máis plural nun contexto similar á sociedade, quen a atende onde non é negocio e quen acolle ao alumnado que verdadeiramente o necesita. El merece toda a atención do Estado.

PANCARTA NO CEIP PANCARTA NUN CEIP