A COPA MIRAGREIRA

Erguémonos pendentes da prima de risco e os datos económicos que nos traen amedrantados e teñen orixe en Alemania. ¡Oh tempora oh mores! Cando eramos todos uns formabamos imperio da man daquel “…Carlos quinto,/ que en España era primero,/ con gallardo y noble talle/ con noble y tranquilo aspecto (…)/los timbres de España ostenta/ y el águila del Imperio…”. Pero hoxe aquí vainos como nos vai e en Alemania a Bundeskanzler Angela Merkel é dura, moi dura, manexando o podererío económico. Dalgún xeito é como a grande emperatriz que nos goberna sen a ter elixido. Xa se di con humor que ven de gañar as eleccións gregas.

 

En xuño de 2005 recibiu a un grupo de escritoras e escritores procedentes de todo o mundo na Chancelería de Berlín ataviada cun traxe de chaqueta a xogo coa cor dos ollos e suma amabilidade. Despois do obrigado discurso de benvida, deunos a man a cadaquén con un forzosamente curtísimo saúdo. Para a miña sorpresa, as súas uñas parecéronme mostrar sinais de onicofaxia. Hoxe volvín observarlle nunha imaxe a man posta no ombreiro de Dilma Rousseff e deume a mesma impresión. Pero o certo é que parece mover con uñas aguzadas os fíos da economía globalizada varrendo para a casa. ¡E como nos trae de cabeza o seu varrer!

 

Os xornais desaniman e os tertulianos dos medios audiovisuais opinan debullando as entreteas da economía, as cifras do paro, a prima de risco, os (non)rescates, os bonos-lixo… Existe tamén unha realidade alternativa nalgún programa televisivo que atolandra con lixo sentimental e desde hai uns días, un gran respiro co balón nacional, porque pasamos a depender de La Roja e non de Merkel para consolidar o sentido da existencia.

Di Manuel Marín, exvicepresidente da Comisión Europea, que a sociedade española perdeu a autoestima e a épica común que tivo na transición. Que a única épica e autoestima do pobo a esperta un gol deste campeonato que suplanta a realidade unha tempadiña. Daquela, a nosa ambición é gañarlle a Europa un campionato. E cando oímos a xente coa cara pintada como os indios das películas do oeste berrar a coro “¡a por ellos!” non se trata de ir polos responsables da desfeita económica facéndolles devolver cantidades astronómicas á sociedade, senón contra quen se poida erguer cunha copa que, a xulgar polo interese colectivo, nos traerá dentro todo iso que nos falta.

PEGADA DUPLA PÉ-MÁQUINAPEGADA DUPLA PÉ-MÁQUINA

 

 

 

Advertisements