O ENSINO PÚBLICO (e III)

Os cambios sociais, os avances na pedagoxía, as aportacións da psicoloxía, os descubrimentos de Piaget sobre o desenvolvemento cognitivo, por citar algunha causa da necesidade de cambio, impulsaron a Lei Xeral de Educación de 1970. A norma foi un marco de reformas que afectaron profundamente o sistema educativo. Aumentou a educación obrigatoria ata os 14 anos, dividiuna en etapas e ciclos, introduciu a lingua estranxeira a partir do sexto nivel e fixo unha tímida aproximación ás linguas das comunidades históricas, con carácter optativo, altruísta para o profesorado e fóra de horario escolar. A fórmula revisouse xa declaradas oficiais pola Constitución e os Estatutos correspondentes.

A organización escolar sufriu gran transformación en Galicia ao crearse as concentracións escolares para as que se necesitaban transporte e comedor. A educación pasou a ser mixta e abordouse a formación do profesorado para impartir as especialidades que esixía a última etapa da Educación Xeral Básica. Pola importancia que ten o ensino público na etapa obrigatoria, considerarei aquí fundamentalmente aquela E.X.B. que nacía coa ilusión de aplicar o principio pedagóxico que Víctor García Hoz expoñía na súa cátedra da Universidade Complutense: a utopía da educación personalizada. Para adaptarse ás capacidades do educando foi preciso xeralizar dalgún xeito os servizos da educación especial con persoal cualificado. Modificouse tamén a metodoloxía dándolle importancia á participación activa do alumnado na consolidación da súa aprendizaxe. Isto  supuxo a proliferación de libros de texto, incluídos os de traballo e as axiña deostadas fichas. A Constitución  introduce tamén cambios nos contidos e o ensino da relixión convértese en optativo ao lado da formación ética.

As leis de educación que a sucederon desde 1990 aumentan a idade de escolarización obrigatoria gratuíta garantindo a elección de centro a cargo do Estado e a través do chamados centros concertados, que poden incluír un ideario no currículo. Pero será o ensino público, coa Constitución como ideario da cidadanía, quen garante a educación máis plural nun contexto similar á sociedade, quen a atende onde non é negocio e quen acolle ao alumnado que verdadeiramente o necesita. El merece toda a atención do Estado.

PANCARTA NO CEIP PANCARTA NUN CEIP

 

Advertisements

COCIÑA DE PRIMAVERA

Detrás da aparición dos xasmíns, esas flores aromáticas que nos enchen o olfato de primavera, aparecen na terra os froitos máis tentadores para satisfacernos o gusto comunicándonos o seu espertar. Morangos, espárragos, alcachofas, chícharos, fabas rioxanas, patacas novas, ceboliñas, leitugas… E no galiñeiro as pitas deixan tamén os ovos máis sabedores. Así que as cociñas fan unha inflexión primaveral no arcano de sabedoría oculta e nas emocións que agochan os pratos máis sinxelos. Cando alguén se dispón a preparar unha comida, por humildes que sexan os compoñentes e por doado que resulte o trámite, repite unha operación secular que nos une cos antergos nesa cadea de cultura propia que cada pobo soubo elaborar con suor e transmitir para a configuración da memoria colectiva e da súa supervivencia como pobo.

Nas casas boas sempre se encheron as bocas con nobres materias cociñadas por mans pobres. Pero nas da xente do común, a grande maioría, as mulleres aprenderon a adobiar a pobreza de maneira que fose comestible e mesmo moi agradable ao padal. Eu ando a recuperar a cociña pobre nunha chea de pratos que me parecen marabillosos quizabes por os ter unidos á memoria auroral ou por sentir aínda tras deles o alento de miña nai, o da sogra e o de todas as avoas. A cociña doméstica, xa se sabe, só era cousa de mulleres e unha das razóns para que os homes casasen, pois precisaban quen lles fixese o caldo. Eu ben sei que non fago esta recuperación por razóns estrictamente culinarias senón por motivos sentimentais.

Hoxe a actividade culinaria -aborrecida porque precisa un tempo que non hai, esixe certo grao de habilidades e dá moito traballo en si mesma e en recompoñer o desaguisado- está abandonando o ámbito privado para pasar a mans duns profesionais con prepración técnica que non paran de experimentar novidades, engadidos, mesturas, exotismos, texturas e mesmo deconstrucións…

Así e todo, eu sigo agradecendo o labor dos cociñeiros de sempre, eses que, cando teño que comer fóra, me indican cos seus pratos que seguimos na terra e me alegran a boca e mais o corpo coa liña tradicional. Os que me ofrecen o caldo, unhas patacas guisadas ou unha costeleta de solombo con patacas fritas ao lado dunha ensalada con leituga do pais e vinagre de viño picado, como as de sempre.

PEDINDO PRAGAS

CADEASCADEAS

Nacera pobre e fráxil. Criouse na miseria e marchou para La Habana. Alí serviu á señorita Emilita que a tratou ben, pero daquela vida levadeira arrebatouna o home, un desalmado que a enveredou para Galicia soa e cos dous fillos. Un morreu na travesía e quedou no océano co que a ela lle podía restar de felicidade. O outro abandonouna xa case na vellez.

Collía catro pataquiñas nunha horta prestada e botáballes sal sen tasa aos cachos para esquecer a fame bebendo a tarde enteira. A soedade e a miseria volvérona paranoica e botaba pragas a distra e sinistra. Tracexaba cruces de sal tinxida con paramia tras dos que consideraba persecutores desexándolles todos os males. E de cando en vez algarufábase máis do debido e berraba polos camiños, xa declaradamente tola:

-¡Hei poñer aceite a alumar! ¡Hei poñer aceite a alumar!

O veciño, racional e humorista, saía aconsellala con cariño e retranca:

-O aceite bótellelo aos cachos.

SEMIPERÍMETRO POR APOTEMA

Ía cara o mercado que poñen as mulleres de Asados en Rianxo para traer hervellos, como lles chaman aos chícharos na miña terra. Aguilloada pola gorentía desta legume cando se cociña cun chisco de cebola, leituga e menta fresca, fíxenme con eles. Pero non máis poñerlles os ollos, veume á cabeza a frase “semiperímetro por apotema”. E como un trastorno obsesivo compulsivo impediume dedicarme a outra cousa que non fose a descifrala. Parecía unha fórmula matemática, pois perímetro pertence á xeometría e non á física. E a teima desprazouse a me explicar a súa aplicación, porque a tivera que aprender, aínda que nunca me servise para nada máis que para se interpor entre os hervellos e eu. Claro que en realidade todo serve para algo, como cavilei escoitando ao poeta palestino Mahmud Darwish. Só comprendía do discuso a preposición “en” e a forma “era”, pero dous anos de aprendizaxe do árabe fixéronme saber, que non é pouco, que os libros escritos nesa lingua empezan polo que nós consideramos final.

 

Pero volvamos á fórmula intrusa. Primeiro tiña que recordar que era a apotema, porque o de perímetro xa o sabía. Pero apotema trastocouse mesmo con apoteca, que é como lle din nalgures ás boticas. ¿E el sería unha fórmula química? Non parecía posible porque o perímetro non funciona na química e non ía ser fórmula mixta. Quería volver ao mundo dos hervellos e traer á memoria unha leituga de serie que tiña na casa, unha “iceberg” vulgar que non me gusta crúa pero que se deixa cociñar e desaparece deixando só un rastro lene que pón delicadeza entre a dozura dos hervellos e a forza da menta. Os trastornos obsesivos xa se sabe non son doados de vencer e, tal como os que tocan vinte veces unha raia ou lavan as mans sen se poderen reprimir, eu teimaba coa ledaíña formularia a ver se lle atopaba xeito, non ao feito de que se presentase así de súpeto senón a descifrala en si mesma, que era o único a que podía aspirar.

 

Nestas a vendedora, xa amolada por tan estraña actitude, díxome cun ton próximo ao cabreo: “Nin un céntimo menos de tres euros, que custa moito colleitalos e defendelos dos merlos”. E foi daquela cando puiden guindar o trastorno compulsivo, volver á realidade e renunciar, por esta vez a ver se baixan, á ambrosía dos hervellos frescos cociñados con cebola, leituga e algo de menta.

A ESPERA

Tería que lle ir cobrar á casa, aínda que houbese unha légoa.

Cando chegou á eira, viuno traspoñer por unha fiestra. Mais, ao berrar se había alguén, saíu un rapaz dicindo:

-Estou eu. O papá vai en Cormes e tardará en volver.

-Non teño présa. Podo agardar o que faga falta.

Sentouse nas escaleiras do hórreo e púxose a mirar de que lado viña o aire.

Pasadas dúas horas, el saíu dunha corte abrindo unha carteira  cando o rapaz ía cara o hórreo cun vaso de auga que lle pedira ela por favor.

-Papá, ¿vostede. non ía en Cormes? –preguntoulle póndose rubio como unha cereixa.

-Non se me terciou.

Ela volveu desandar a légoa cos cartiños no peto.

HÓRREO DA ZONA DE BERGANTIÑOS HÓRREO DA ZONA DE BERGANTIÑOS

O ENSINO PÚBLICO (II)

A lei Moyano, que rexiu o ordenamento educativo español desde 1857 a 1970, autorizara ao goberno a formular e promulgar a instrucción pública para que España deixase de ser un dos países europeos con maior taxa de analfabetismo. Creou as Escolas de Maxisterio e fixo o ensino obrigatorio ata os 12 anos, gratuíto para quen non puidese pagalo. Eran desexos do lexislador, pero só se cumpriron cara ao final da súa vixencia. O absentismo –non se chamaba así nin preocupaba moito- cebábase nas familias que precisaban man de obra da prole para sobrevivir. Un refrán sentenciaba: “O traballo dos pequenos é pouco/ e o que o perde é un louco”. A situación empeoraba para as nenas porque non precisaban a escrita para dar novas desde o servizo militar e a alfabetización predistipoñíaas a ler novelas e a cartearse con mozos. Os nenos tiñan tamén a posibilidade de acceder ao Seminario.

Como a educación institucional ten a finalidade de transmitir valores dominantes da sociedade para perpetuarse, o sexismo proxectábase na escola separando nenas e nenos, mestras e mestres. As nenas recibían educación para rexer o fogar e ocuparse da descendencia. O ensino privado era máis rigoroso con este obxectivo. O ensino público, encargado de se achegar a todos os lugares e estamentos económicos, encargábase da sociedade rural con menos posibles e aspiracións. Alí as nenas e os nenos acababan xuntos nunha unitaria, sempre rexida por muller. Dalgún xeito, esta era unha educación mixta onde os máis grandes, independentemente do seu xénero, coidaban dos pequenos, compartían con eles a hora de xantaren o que traían frío das súas casas e transmitían os saberes e as habilidades que ían adquirindo. Algúns andaban media hora de camiño e as longas tardes primaverais acabábanas como pastores ou nas faenas agrícolas.

Aquela pobre escola adaptouse aos diversos réximes políticos e é de louvar o traballo dos mestres e mestras da República, época na que o ensino popular se viu reforzado polas Misións Pedagóxicas. Os primeiros grandes cambios no ensino aportounos, en 1970, a Lei Xeral de Educación, coñecida polo nome do ministro responsable, Villar Palasí. En calquera caso, aquela escola pública foi un faro e a persoa que a rexía era respectada pola sociedade a pesar da soldada miserable con que se retribuía o seu traballo.

ENCICLOPEDIA ESCOLAR ÁLVAREZENCICLOPEDIA ESCOLAR ÁLVAREZ