FOGOS DO APÓSTOLO

A alquitara da noite

destila un novo Sol

e desfaino en muxicas

que volven ás arestas da pétrea xeometría

reptando ondulacións multicolores.

Esta erupción volcánica

de luz sonora peiteada en fume

sobrevoa a mirada dos humanos

que se erguen esta noite como cipreses

e penetra nos ocos das campás

e no sono das tellas centenarias.

Racha o zafiro que coroa a noite

como un rasgón de xirgo

e a cor monta escaleiras invisibles

que soben coas súas lanzas

para venceren ocres

que murcharon nas fiestras mentres estaban

pasando as horas como peregrinos.

A ruptura do lume inza os espazos

coas súas ás de mapoula

ou bolboreta,

e, ourive no sorriso das pedras florecidas

de azul e prata,

rise neste estrombeo da guillotina

que acaba cada tarde co solpor

derrotada en silencio.

De “Álbum de fotos”, 1999

Advertisements