FÁBULA DA FANEGA

Un facendoso pai de familia mandou o fillo máis vello a mercar unha fanega de trigo á tenda que vendía de todo. A gra estaba destinada a alimento das galiña e do galo, e á moenda para cocer na casa. A fanega, xa se sabe, é unha medida agraria de volume e de superficie anterior ao sistema métrico decimal, que ten aínda vixencia, mais como medida de volume pasado a peso adxudicóuselle a equivalencia de 50 quilos.

Ao rapaz, que levaba saca e carreta, atendeuno unha moza bregada coa clientela. Pagou a mercancía e volveu coa carga. O pai, avezado a ver fanegas, considerou que lle faltaban uns quilos, quizabes tres ou catro. Por fortuna, tiña outra saca chea ao lado –era previsor- coa que cotexar e creu confirmados os seus receos na comparanza. Daquela, o rapaz, moi mandado, volveu cargar coa saca na carreta ata o comercio para reclamar o que crían que faltaba.

A moza recibiuno con moi bos modos e atendeu a súa petición, aceptando que un erro pode telo calquera e que estamos aquí para rectificar e tratar ao bo cliente que é teu pai como merece, non faltaría máis. Arrimaron á báscula a carreta, empuxaron a saca e ela empezou a mobilizar os contrapesos de quilos e de gramos nas barras correspondentes. Cando todo parecía estar resolto, díxolle ao rapaz que, efectivamente, non estaba ben pesado. Que onde tería a cabeza para non se dar conta. Que alí sobraban catro quilos largos. Colleu a pa de man e sacou ata que a báscula apareceu equilibrada. Atou o saco e volvérono colocar entre ambos para ser definitivamente transportado.

O rapaz ía cavilando no cabreo que lle entraría a seu pai cando tal soubese. Pero na casa, coa resignación propia deste noso pobo sufridor, recoñeceron a cativa vinganza, a estafa e a impotencia, e sacaron a conclusión de que ás veces é mellor estar calado que protestar, porque todo pode ir a peor.

Esta especie de fábula, que non é invento, veume á cabeza polas reclamacións económicas do Sr. Dívar. Se prospera a súa solicitude ao Consello do Poder Xudicial de indemnizalo con 200.000 euros despois de ter demitido tras a presión social pola falta de profesionalidade e o moi dubidoso uso de fondos públicos, quen sabe se non caeremos na conta de que é mellor non protestar por ningún desaguisado deste tipo con persoas que parecen ter todos os ases na manga. Non vaia ser  que nos saia a reparación aínda máis cara.

MÚLTIPLOS DE LIBRA ESPAÑOLA ACUÑADOS EN INGLÉSMÚLTIPLOS DE LIBRA ESPAÑOLA ACUÑADOS EN INGLÉS

Advertisements