NA CONCA DO RÍO DONSAL

 

Imaxino que marabillas dirán de Galicia, da comarca dos Ancares e de Cancelada en particular, as sete mozas e os tres mozos que pagaron o billete de avión, desde oito países de orixe, para viren axudar á conservación do medioambiente na conca do Donsal, río que nace e transcorre por terras do concello de Becerreá e remata nas de Navia de Suarna. Ao río houbo de procurárselle o nome nos documentos antigos para fundamentar un proxecto rural que nos honra aos que temos orixe canceladesa.

Nesta III edición do Campo de Traballo Internacional, dirixidos polo arquitecto Julio López Mouriño, ao lado de cooperantes de A Coruña e Barcelona, e membros de Castiñeiro e Nogueira, asociación que leva a cabo o proxecto de revitalización do rural na zona que atravesa o río, os voluntarios fixeron labores de mantemento, limpeza e sinalización dunha ruta que cada vez recibe un maior número de sendeiristas e figura xa nos blogues máis especializados. Tanto a natureza -desde o nacemento no Couso onde locen hoxe os froitos os últimos capudres  testemuñais da flora alpina, ata a confluencia na ribeira de Cabana co Navia- como os restos etnográficos aínda ben conservados que ten á beira fan deste sendeiro de 15.9 quilómetros un paraíso singular que pode percorrerse por camiños transitados ao longo dos séculos para realizaren traballos agrícolas e comunicacións os habitantes dunha zona de montaña, hoxe en perigo de abandono e desleixo final por falta de oportunidades para lograr un medio de vida  acorde cos avances do desenvolvemento.

Toda a riqueza natural e histórica que ofrece aquela terra acrecéntase, aos ollos destes altruístas visitantes, cando se integran durante quince días na sociedade rural onde non falan inglés pero coa que axiña aprenden a se comunicar a través do traballo comunal e dos talleres lúdicos sobre a gastronomía da zona e de Galicia, e da xornada festiva que en honra súa se organiza o derradeiro domingo da quincena da súa permanencia.

Onte, xoves, acabou este campo de traballo canceladés, un dos máis solicitados no CSI. Hai voluntarios que repetiron a experiencia e mesmo quen veu desde Madrid para participar na xornada festiva que se desenvolveu o día 25 e así retomar contacto con este paraíso, cos nativos e con Castiñeiro e Nogueira, que o merece todo pola súa xenerosidade e bo facer.

A AUTORA SOBRE O RÍO DONSAL (1964)

A AUTORA SOBRE O RÍO DONSAL (1964)

Advertisements