MEMENTO

CEMITERIO DA CHAIRA LUGUESACEMITERIO DA CHAIRA LUGUESA

De non ter percorrido outra vez a beira daquel río, quizabes non o volvese recordar. Pero alí estaba o penedo de sentaren as tardes de xuño, baixados de cadansúa aldea porque non había escola polas tardes.

El falaba da tristeza do abandono materno e da admiración polo pai que criara os cinco irmáns… Ela cría que buscaba alí a nai, a protectora perdida.

Un día aguantaron a tronada durante os oito quilómetros que había ata o coche de liña dos venres. Chegaran mollados como pitos. Riron a gargalladas e miráronse de xeito diferente. Ela descubríu naqueles ollos azúis un enigma que nunca chegaría a comprender.

Desde as Milicias Universitarias do campamento de Monte la Reina, escribiulle varias cartas difíciles de responder. Eran longuísimos monólogos. E así acabou todo.

Ata  que se interpuxo o penedo do río de montaña.

Xa lle foi difícil recordar o segundo apelido. E, cando o tivo, foi mirar a Google que fora del. Estaba en Facebook, pero non o era. Tamén había a entrada de tres esquelas, pero só na terceira figuraba a familia. Seu pai, xa non. Os irmáns, a muller, fillo e filla, nora e xenro, e unha neta. E aparecía a nai que quería e odiaba a un tempo.

Morrera o día de San Martiño do pasado novembro. Ese día das castañas funerarias ela tamén sentira que morría un pouco.

Cos ollos perdidos nun azul de río, ceo e enigma, pechou a modo a fiestra do Google. E borrou dúas bágoas das pálidas meillelas.

Advertisements

UN IVE QUE NON CESA

En impreso solicitado por unha asociación galega que aspira a premio á conservación cultural europea indicase, en castelán, que se cubra en inglés ou francés porque non será lido noutra lingua. A responsable da lectura queda aleuta preguntándose quen manda logo na Europa outravolta raptada. O uso das linguas está ligado ao mando e o mando está na Alemania que receita a subida dun IVE que non cesa. Por iso a desorienta a escolleita dos idiomas. Pero Europa anda algo rara e así hai que aceptala.

Simultaneamente, andou unha peregrinatio laica de automóbiles a centros comerciais e gasolineiras para aprovisionarse co IVE calculado pola vella. Onte, nunha casa onde hai criaturiña recente, mostráronme o cuarto de invitados atestado de cueiros. Seica botaron contas e aforraron moito. E quen sabe se non haberá por aí naves industriais almacenando cueiros e similares por un precio inferior á subida do imposto. A medida, que é tan inxusta para os máis pobres como todos os impostos indirectos, resulta unha disuasoria para o aumento da natalidade que tanto precisamos. Da mesma maneira, sae tamén oneroso deixar este mundo pola carestía da sanidade privada –a pública está en regresión- e a do enterro, feito polo que as familias procurarán que non haxa nin nacementos nin decesos, empeñándose a fondo no labor. O noso estancamento demográfico mostrará, a partir de agora, unha pirámide levitando.

A aplicación da suba –antes moi rexeitadada por capitostes e capitostas do partido gobernante- aos diferentes produtos e servizos tamén é rara. Como se se adxudicase por  procedemento aleatorio, porque non parece que sequera siga a orde alfabética. Igualar o IVE dos servicios fúnebres ao dos espectáculos parecería unha irreverencia a primeira vista. Mais tomando repouso e pensando en Galicia, se cadra non vai tan descamiñado. Porque os enterros galegos teñen –e tiñan no pasado sobre todo- moito de celebración e non só relixiosa. Desde as ancentrais comidas funerarias compartidas, das que aínda eu teño participado sendo mociña, ata o encontro por excelencia dos parroquianos rurais que podían quedar xogando a partida na taberna ata 48 horas antes de volveren para a casa, é certo que os enterros sempre foron encontros especiais, incluso para comerciantes que facían negocios entre o canto do Dies Irae.

CEMITERIO DE ADINACEMITERIO DE ADINA