MEMENTO

CEMITERIO DA CHAIRA LUGUESACEMITERIO DA CHAIRA LUGUESA

De non ter percorrido outra vez a beira daquel río, quizabes non o volvese recordar. Pero alí estaba o penedo de sentaren as tardes de xuño, baixados de cadansúa aldea porque non había escola polas tardes.

El falaba da tristeza do abandono materno e da admiración polo pai que criara os cinco irmáns… Ela cría que buscaba alí a nai, a protectora perdida.

Un día aguantaron a tronada durante os oito quilómetros que había ata o coche de liña dos venres. Chegaran mollados como pitos. Riron a gargalladas e miráronse de xeito diferente. Ela descubríu naqueles ollos azúis un enigma que nunca chegaría a comprender.

Desde as Milicias Universitarias do campamento de Monte la Reina, escribiulle varias cartas difíciles de responder. Eran longuísimos monólogos. E así acabou todo.

Ata  que se interpuxo o penedo do río de montaña.

Xa lle foi difícil recordar o segundo apelido. E, cando o tivo, foi mirar a Google que fora del. Estaba en Facebook, pero non o era. Tamén había a entrada de tres esquelas, pero só na terceira figuraba a familia. Seu pai, xa non. Os irmáns, a muller, fillo e filla, nora e xenro, e unha neta. E aparecía a nai que quería e odiaba a un tempo.

Morrera o día de San Martiño do pasado novembro. Ese día das castañas funerarias ela tamén sentira que morría un pouco.

Cos ollos perdidos nun azul de río, ceo e enigma, pechou a modo a fiestra do Google. E borrou dúas bágoas das pálidas meillelas.

6 opinións sobre “MEMENTO

Os comentarios están pechados.