POCHAS CON AMEIXAS

En setembro de 1991, durante o Congreso sobre Álvaro Cunqueiro que se celebrou en Mondoñedo, comín na casa Montero que quedaba índo de Santiago á esquerda da estrada vella, unhas pochas con ameixas. Para min era un prato raro, pero axiña me conquistou porque o seu casoiro paraceume un bo achado. Xa se sabe que Mondoñedo ten ao lado as fabas de Lourenzá e as ameixas do cantábrico, xa que logo, o prato tiña materia prima de excelente calidade. E notábaselle ben.

Desde aquela, eu cocíñoas como prato típico de setembro, que é cando as fabas comezan o sono da deshidratación e están no seu mellor momento de comida. A técnica culinaria é moi doada. Cozo as fabas con algo de cebola e un xorro de aceite de oliva virxe e  unha folla de loureiro. Preparo noutras culleradas do mesmo aceite verduras moi picadas (allo, cebola, cenoura, pemento, tomate e perixel) ata que quedan moi cociñadas. Cando as fabas están feitas, engado as ameixas ás verduras, deíxoas abrir, debórcoas sobre a legume xa apagada e regulo o sal. Déixoas repousar cinco minutos para que se mesturen os sabores e xa están para levar á mesa.

Pero aínda hai outro truco que cómpre non esquecer. As fabas poden cocerse na auga que sentiu ferver no seu ventre unha pescada. E o resultado final pode arriquecerse coa salsa sobrante dalgún guiso de peixe branco ou dunhas ameixas á mariñeira.

Advertisements