A DESFEITA RURAL

Que o noso mundo rural se esfarela non presenta dúbidas. A paisanía mostra desde hai tempo unha clara desafección polo campo como medio de vida e parece que ninguén tomou en serio este problema de despoboamento para lle poñer remedio eficaz. Durante un paseo pola illa de Cortegada estes días, vendo como a natureza repoboou de bosque o que abandonou a xente que alí vivía da pesca e da agricultura, trasladada para lle regalaren uns señores da zona a illa a Alfonso XIII, vin un espello do que pode ser axiña boa parte da  Galicia rural. A diferenza é que a illa está máis protexida polo mar e tamén por vixiancia contra o lume, outra traxedia deste país noso que colabora na destrución da paisaxe e da riqueza.

Segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE), no século XX desapareceron de Galicia 1.338 núcleos de poboación e na actualidade hai 751 que teñen un só habitante. A media de idade supera a do estado e estes datos son reveladores de cara a onde camiña o mundo rural tan conformador da Galicia histórica, da Galicia que herdamos quen xa temos un tempo. Ese pobo e esa paisaxe foron quen mellor conservaron a nosa singularidade, centrada fundamentalmente na lingua e na cultura popular.

O que está acontecendo no noso campo, outrora agrogandeiro, aínda ten efectos máis marcados no interior (Lugo e Ourense), onde foi máis demorada a chegada das infraestruturas básicas de comunicación. Galicia, atrasada secularmente nas comunicacións, agás polo mar, non tivo problemas para que a nosa xente marchase cara a Cuba e Argentina, e máis tarde a Europa e os territorios máis desenvoltos da península: Cataluña, Euskadi e Madrid. Na actualidade, hai unha nova emigración da xente moza, a máis preparada, a que podía axudar a modernizar a visión económica dunha terra fértil regada por mil ríos que está ademais colmada de riqueza ecolóxica e etnográfica, ambas constitutivas dun activo con valor singular para as sociedades máis avanzadas. Non só agora. Sempre marcharon os máis preparados, os máis emprendedores, os máis ousados. Esa foi a nosa perda cualitativa. E os tesuros que deixaban non foron debidamente valorados polos lugareños que os identificaron coa súa pobreza. As mentes reitoras da nosa sociedade si puideron traballar na conquista da autoestima e de valorar o propio. Pero parece que tampouco crían niso.

CANGOS DUNHA CASA ABANDONADA NOS ANCARESCANGOS DUNHA CASA ABANDONADA NOS ANCARES

 

 

Advertisements