BENVIDA A UNHA NOVELA

Entre as cousas bonitas que trouxo o outono foi a novela que acaba de publicar a artista multidiciplinar Luz Darriba. Tiven a sorte de ver como se xestou Toda la gente errante e como naceu ese proxecto en crowdfunding ou micromecenado, do que tamén formo parte.

Cando unha artista ten formación tan ampla, por estudos e experiencia, non debera estrañanos que busque diversos soportes para expresarse, incluso a palabra escrita. Pero xa non se estila ser persoa renacentista como aquelas que o asumiron facéndoo ben en varias parcelas de entrega ás artes e ao saber. Hoxe, se se dá o caso, non adoita ser o xénero da novela o que se busca, porque este gran formato esixe unha forte  arquitectura na que sobrepoñer unha narración complexa. Pero a artista plástica que empezou a gañar premios coa palabra esta primavera –o primeiro foi o “Ánxel Fole” de relatos convocado polo Cocello de Lugo- estaba afeita a traballar xa sobre arquitecturas: a muralla de Lugo, que cubriu de libros, e os numerosos edificios e prazas sobre os que foi facendo instalacións galardoadas en diversas cidades do mundo.

E pasou á novela. Eu coñecín as orixes de Toda la gente errante a finais de 2010, cando tivo a amabilidade de me achegar unha primeira redación na que dúas mulleres, desde puntos de partida ben diferentes, inician unha aproximación transformadora ao entraren en contacto polas esixencias da vida actual: a moza preparada, en tránsito pola xeografía, que precisa aceptar calquera posto de traballo, e a anciá á que a familia lle busca unha coidadora que supla as súas atencións e afectos mentres acaba o seu tránsito vital.

Aquel borrador foi un descubrimento. Luz Darriba, en lendo eu aquel proxecto xa avanzado, víñaseme a revelar como novelista cunha bagaxe cultural enorme, unha capacidade expresiva rechamante e un gran coñecemento da sociedade dos nosos días como a cosmopolita que é. O resultado final non fixo máis que confirmar aquela impresión dos inicios. O seu coñecido empeño en contribuír a un mundo mellor transparéntase en Toda la gente errante a través dos dous personaxe principais Julia e Virtudes e os personaxes masculinos, secundarios que actúan como causantes, todos eles maxistralmente trazados. Toda la gente errante é unha novela fresca, profunda, de temática moi actual e escrita con técnica depurada.

NACE UNHA NOVELA

Advertisements