OS DOUS CAIXAROLOS

ENTRELAZOS DA MEMORIAENTRELAZOS DA MEMORIA

A nena fora españolizada o xusto no contacto coa escola dos primeiros anos. Ai! Aquel recreo no que as nenas xebradas dos nenos facían xogos de “saca” con música ramplona e letra patríotica!

Han puesto una librería

con los libros muy baratos,

con un letrero que dice

“Viva Carmencita Franco”…

Pero axiña a librou o papá da escola na que non se trataba igual a todas as nenas. Non lle pesou por ela poque pasou a un faiado dos contos cun irmán-alumno máis pequeno, unha imprentiña para facer letreiros e un tomo da ENCICLOPEDIA DE LA JUVENTUD que traia gnomos e pés de páxina máxicos en gravados de Doré: “Otelo contempla a Desdémona dormida. De Otelo”. ¡Que ben soaban as frases incomprensibles!

Galeguizouse, mentres cosía unhas horas ao día, no taller dos papás coa paisanaxe que parecía saír de LA LEYENDA DE GÖSTA BERLING. Contaban historias, daban noticias, falaban… Os días 3 e 19, que eran as feiras, a vida sabía a polbo con cachelos. E ás veces a pexegos, figos, uvas, castañas, noces, mel, manteiga de vaca e mesmo pan que traían amigos e clientes.

A radio trouxo á casa a música de corda de “El tercer hombre” e a chicharra de “Radio España Independiente. Estación Pirenaica”, que escoitaba o papá. Por iso ela sabía que non se podían contar algunhas cousas. Para obedecer, tiña duos caixarolos na memoria, porque as cousas tiñan que estar nun dos dous sitios. E nunca se equivocou.

Ao cumprir 13 anos quixo estudar. Ía xa cara a españolización definitiva, pero soubo resistir. O papá volveulle recordar que, máis que nunca, debería utilizar os caixarolos. Cando estudaba o Libro Verde para se examinar de FEN, ríase das rimbombancias aprendédoas ao pé da letra. “Como decía José Antonio: En política hay obligación de llegar, y de llegar a la hora justa. El binomio de Newton representaría para la Matemática lo mismo si se hubiera formulado diez siglos antes o un siglo después. En cambio, las aguas del Rubicón tuvieron que mojar los cascos del caballo de César en un minuto exacto de la Historia”. Había que sabelo e non facerlle caso. E así seguíu transitando por dous mundos paralelos moitos anos…

Dos mortos que había nunha cuneta perdidos sabía moito, pero non dicía nada. Por iso era amiga de todos. O papá tamén tiña dous caixarolos.

E a mamá era a realmente forte, a pedra angular daquela casa.

Advertisements