VIAXE AO PEQUENO REINO

A piques de facer oito anos, a nena marchou no coche de liña o día da feira do 19 de setembro para volver a do 3 de outubro. Ía cos parentes de Rionaval, ao corazón dos Ancares. O papá dicía que habería que escribilo con b de nabo, que alí non había mar. Cando a nena soubo o que significaba tan bonito nome, o papá xa non vivía para llo explicar.

Fixo o final do camiño andando contra a noitiña pero non cansou. Uns días antes, mentres a mamá segaba herba na lameira de Outeiro, empezou a cavilar e descubriu que era pobre. Pero en Rionaval sentiuse rica. Os parentes tiñan cinco casas, unha moi amañada para vivir, prados esmeraldinos, viña, lagar, tear, unha chea de cortizos e moito gando. Pola mañá, almorzaba torradas con mel e manteiga de vaca xa antes de se erguer, como debían facer as princesas.

E alí estaba Joana, un pouquiño meirande, coa que xogaba e ía a todas partes. Joana quedara soa cando lle mataron os papás naquela cousa que chamaban guerra. Fórana buscar a Barcelona e aínda falaba catalán. Ensináballe palabras. A que máis lle gustaba a nena era paseig. Paseig era ir soltar os pozos aos prados, ver como colgaban as uvas, recoller pexegos por entre as cepas…

No hórreo grande había sacos baleiros gardados como unha reliquia. Estaban cheos de trigo, na casa que servía de almacén, a noite que chegaron os gardacivís buscando os escapados. Dicían que o parente os escondía e lles daba comida para levar ao monte. A familia negou que estivesen, pero non os convenceron e percorreron as casas todas. Ao chegar onda os sacos, pasáronos un por un a baioneta. Derramouse o trigo e tampouco estaban. Daquela pegáronlle unhas labazadas ao parente e marcharon. Joana sabía esta historia. Contoulla e foille ensinar os sacos cortados unha tarde en que as deixaron soas xogando na eira. Pero tivo que lle prometer que era un segredo entre as dúas.

O día do seu aniversario fixéronlle unha festa. A nena acordouse dos papás, pero alí estaba moi ben e pasou un día aínda máis bonito. E entre a solta dos pozos, a vendima, o labor do lagar, da tecelá e todos os paseigs foron pasando os días e chegou a noite do dous de outubro. Avisárona de que había que madrugar moito deloutro día para baixar ao Fabal e coller o coche de liña, que pasaba cedo. Había que se deitar xa e non houbo contos na cociña.

Foi a primeira vez que se ergueu e camiñou de noite, con coidado de non caer, aínda que levaban lanterna. Diante ían outros con facha, que alumeaba algo menos. Cando chegaron de volta e a levaron á súa casa, os papás puxéronse moi contentos e ela tamén, pero axiña se puxo a preparar roupa para volver, porque a quedaba agardando Joana.

Daquela os papás enfadáronse e reñéronlle. E ela chorou. E aínda chorou máis cando viu volver o autobús cargado de xente cara Cervantes.

Aquel fora o seu reino de quince días, o reino que levou ao fondo da memoria prados esmeraldinos, ecos de chocas por entre as uces e sabor a mel.

ANCARES, UN PARAÍSOANCARES, UN PARAÍSO

Advertisements